A CIG convoca folga na atención primaria do Baixo Miño para reclamar máis persoal e contratos dignos

Desenvolverase nos centros de saúde e nos PAC da Guarda, Oia e O Rosal do 21 ao 23 de decembro
Baixo Miño - 09 Dec 2021

A federación de Saúde da CIG de Vigo vén de anunciar a convocatoria dunha folga do 21 ao 23 de decembro ante a grave situación na que se atopa a atención primaria do Baixo Miño. Con este paro, que se desenvolverá nos centros de saúde e nos PAC dos concellos da Guarda, Oia e O Rosal, a central quere reclamar máis persoal e contratos estables e dignos.

Segundo explican na CIG-Saúde, á folga están chamados/as todos/as os traballadores/as de cada unha das categorías laborais que prestan servizo nos centros de saúde e nos Puntos de Atención Continuada do Sergas nestas localidades, incluído o persoal residente. E desenvolverase dende as 8:00 horas do 21 de decembro até as 8:00 horas do día 24 do mesmo mes (para que inclúa a quenda de noite do 23). 

A central sindical quere que se abra un marco de negociación coa Xunta de Galiza

Con esta medida de presión a central sindical quere poñer de manifesto diante da Administración sanitaria e da opinión pública a preocupación pola situación que se está a vivir no conxunto da atención primaria, “que se manifesta con especial gravidade nos tres concellos que forman o ámbito dunha convocatoria coa que pretendemos que se abra un marco de negociación coa Xunta para conseguir unha atención primaria digna”.

Na CIG-Saúde consideran “irrenunciábeis” unha serie de cuestións, como a necesidade de aumentar o persoal mediante a convocatoria inmediata de todas prazas necesarias en todas as categorías, “non só estabilizando as actuais con contratos precarios, senón tamén incorporando novas prazas en función da análise de necesidades co obxectivo de diminuír as ratios actuais de pacientes por profesional”.

Penosidade e precariedade

Outra demanda pasa por que se fagan contratos “estábeis e dignos” que permitan dar cobertura ao 100% das ausencias para garantir unha prestación asistencial de calidade e rematar coa situación de “penosidade e precariedade” actual.

Tamén solicitan a dotación dun segundo equipo de medicina de familia e enfermería no PAC da Guarda para garantir unha prestación asistencial segura e de calidade tanto para pacientes como para profesionais, “tendo en conta as características xeográficas e socio demográficas da poboación atendida”.

Finalmente, reclaman o establecemento de incentivos que permitan atraer e estabilizar profesionais na atención primaria do ámbito rural que teñen demostrado a dificultade de cobertura.