CIG-Saúde alerta das consecuencias de pechar 28 camas de Medicina Interna no Hospital de Monforte

Critican tamén as malas condicións das padiolas e colchóns e as carencias de roupa
Monforte - 27 Xun 2019

A sección sindical de CIG-Saúde alerta que o peche de 28 camas en Medicina Interna no Hospital Comarcal de Monforte suporá un trastorno para todas e todos os doentes "xa que terán que ser redistribuídos a outras plantas, entre elas ás de Maternidade e Pediatría".

A dirección escúsase en que hai que realizar obras no centro hospitalario para xustificar este peche de camas, mais dende a CIG-Saúde pregúntanse cales son as razóns que facer obras nestes momentos, "cando hai uns meses nos venderon o marabilloso novo Plan Funcional para o hospital".

Material vello doutros hospitais

Por outra banda, a CIG-Saúde de Monforte critica o estado precario do mobiliario, xa que en lugar de adquirirse material sen usar o hospital comarcal continúa a recibir material vello doutros centros, como camas, padiolas ou cadeiras de brazos. "Isto non se pode consentir. Os colchóns non son os adecuados para estas camas e quen sofre as consecuencias son os/as doentes". Engaden que tamén hai carencias de roupa ou que as almofadas non son para nada confortábeis e mesmo se teñen que unir dúas "para que as/os doentes teñan un descanso cómodo".

Diante desta abandono, a CIG-Saúde reclámalle á Xerencia que manteña abertas todas as camas de  Medicina Interna para garantir unha atención adecuada e que se dote ao hospital de mobiliario e material de calidade.