A CIG-Saúde de Vigo denuncia a falta de reforzos nas zonas costeiras no verán

Lembra que até o de agora facíanse contratacións para atender as persoas desprazadas

Vigo -

A federación de Saúde da CIG de Vigo denuncia a ausencia de contratación de reforzos nas zonas costeiras durante o período estival para atender as persoas desprazadas de fóra da área sanitaria. Dende a central sindical lembran que até de agora víñase reforzando o persoal sanitario (médico e/ou de enfermaría) por motivo do aumento de poboación, nomeadamente nas zonas de costa (Cangas, Redondela, Val Miñor, Baiona e A Guarda).

“A xustificación das necesidades do reforzo ben dado polo aumento de poboación que se da nestas vilas, que nalgún dos casos chega a triplicarse”, sinalan. Ademais, fan fincapé que este ano coincide con Ano Xacobeo, e a maioría destes núcleos contan con distintas rotas do Camiño de Santiago. “Asumindo, polo tanto, o persoal dos centros de saúde e PAC non só o aumento de poboación, senón tamén a eventual asistencia de peregrinos/as que percorren a zona”. 

A xustificación das necesidades do reforzo ben dado polo aumento de poboación que se da nestas vilas, que nalgún dos casos chega a triplicarse

Neste senso, sosteñen que nos centros de saúde vívese a ausencia de reforzo de costa con incerteza e preocupación, ao ter que asumir a asistencia o persoal dos propios centros, e nos que o cadro de persoal vese diminuído polos permisos de vacacións e a falta de substitucións, nalgúns casos de meses de duración. “Así mesmo vai supor un aumento nas listas de espera dos distintos centros, que nalgúns xa é superior aos 15 días”.

A pesar disto, a Xerencia da área sanitaria non informou de ningunha medida específica para organizar a atención a este aumento previsible da demanda, contando con menos recursos humanos, máis alá de pechar centros de saúde en horario de tarde. “A esta falta de medidas de carácter asistencial súmase a supresión de dereitos de solicitude de permisos a dúas categorías deficitarias como son a de Medicina Familiar e Comunitaria e a de Enfermaría”. Por iso critican que estas medidas, que supoñen perda de dereitos laborais, deixasen de ser excepcionais, “e o que se converte nunha excepción son os períodos do ano nos que se poden gozar”.

Estes recortes de dereitos e de persoal nos centros de saúde están a supor unha traba para a permanencia de residentes, sendo este o peor dos anos, no que só catro de 20 quedaron na área sanitaria ante ofertas mellores en outras areas e comunidades. "Esta situación empeora con moito o déficit de persoal médico, deixando a maior parte dos centros de Atención Primaria sen cobertura do 100% do persoal desta categoría".

Falta de estabilidade

Do mesmo xeito, o Sergas alega déficit de enfermaría para non realizar reforzos de costa, “cando se levan anos co deterioro das condicións de traballo, perda de dereitos, nomeadamente das enfermeiras/os contratadas/os, ás que non se lles permite a suspensión de chamadas por estar traballando en centros privados, por estudos ou por outras situacións xustificadas, e nas que un elevado número están sancionadas”. 

Os recortes de dereitos e de persoal nos centros de saúde están a supor unha traba para a permanencia de residentes

Sosteñen que este colectivo busca alternativas distintas ao Sergas pola falta de estabilidade nos contratos e polas condicións de traballo, o que supón un paso máis no deterioro da calidade asistencial da Atención Primaria e un aumento na sobrecarga do persoal sanitario e non sanitario dos centros de saúde e PAC.

Por todo isto, dende a CIG-Saúde de Vigo demandan que se oferte maior estabilidade ás profesionais, con contratos estables en centros de saúde e PAC, convocatorias de OPE co 100% das prazas vacantes e a cobertura das prazas estruturais dos centros. “Así mesmo demandamos a necesidade de reforzar os centros de saúde e PAC que ven aumentada a súa poboación polo turismo neste período estival”.

Volver