A CIG-Saúde de Vigo solicita unha reunión urxente coa Xerencia da área para abordar a sobrecarga que padece o persoal

Aumento da carga asistencial e non cobertura de profesionais deixan os traballadores/as en situación límite

Vigo -

A federación de Saúde da CIG de Vigo vén de solicitar unha reunión urxente coa Xerencia da área sanitaria para abordar a situación de sobrecarga laboral que padecen os traballadores/as como consecuencia do aumento da carga asistencial e da non cobertura de profesionais.

Falta de cobertura de ausencias, aprazamento de cirurxías, dobraxe de quendas, urxencias saturadas, pacientes pendentes de ingreso, plantas co persoal insuficiente, centros de saúde sen cobertura e sen reforzo de costa de verán, etc. Estas son as principais problemáticas que ten recollido a central sindical entre o persoal da área sanitaria viguesa, situación que vai camiño de cronificarse. 

A dirección do Sergas en Vigo non aporta información nin solucións

Ademais, as recentes informacións recollidas polos medios de comunicación sobre a derivación de cirurxías a centros privados “non aportan ningunha tranquilidade para os profesionais, que se atopan nunha situación límite provocada polo cansazo, tanto físico como mental”.

Porén, a dirección do Sergas en Vigo non aporta información nin solucións, “mentres o día a día convida a pensar que o anunciado peche de camas non vai ser posíbel sen condicionar a asistencia sanitaria e a seguridade coa que as profesionais teñen que desenvolver o seu traballo”.

Volver