A CIG-Saúde denuncia a nula vontade negociadora do SERGAS e a falta de propostas para atallar a crise da Atención Primaria
O comité de folga da Atención Primaria de CIG-Saúde denuncia publicamente que a reunión mantida coa administración sanitaria rematou sen ningún tipo de avance nin proposta concreta por parte do SERGAS. Cómpre lembrar que a CIG-Saúde ten convocadas tres novas xornadas de folga na Atención Primaria para os días 26 de marzo, 9 de abril e 23 de abril.
Porén, lonxe de presentar medidas reais que dean resposta á grave situación que atravesa a Atención Primaria, a administración limitouse a trasladar que ‘todo se está valorando’ e ‘pensando’ nos grupos de traballo nos que non están presentes as organizacións sindicais. Deste xeito, valora a CIG-Saúde, a Consellaría evidencia “unha preocupante falta de compromiso e unha ausencia total de vontade política para acadar un acordo coa CIG”.
“Resulta inaceptábel que, nun contexto de sobrecarga asistencial extrema, deterioro das condicións laborais e perda de calidade na atención á cidadanía, o SERGAS continúe instalado na inacción e na improvisación, sen ofrecer solucións concretas nin prazos definidos”, critican.
O comité de folga considera que esta actitude supón unha falta de respecto tanto cara ao persoal da atención primaria como cara á poboación, que está a sufrir directamente as consecuencias dun sistema cada vez máis tensionado.
Para a CIG-Saúde, a negativa a negociar medidas urxentes e estruturais “confirma que a Administración non está á altura da situación nin das demandas lexítimas dos e das profesionais da Atención Primaria”.
Ante esta falta de avances, a CIG advirte de que continuará coas mobilizacións previstas e non descarta intensificar as accións de protesta se o SERGAS non cambia de maneira inmediata a súa actitude e inicia unha negociación real, con propostas concretas enriba da mesa, porque “a Atención Primaria non pode seguir esperando”.