A CIG-Saúde denuncia o desprezo do SERGAS pola nosa lingua propia

Lémbralle que os poderes públicos teñen que garantir e potenciar o galego en todos os planos

Nacional -

A CIG-Saúde vén de remitir ao conselleiro, ao xerente do Sergas e a Dirección Xeral de Política Lingüística o documento que o Servizo Galego de Saúde está a remitir a todas a s traballadoras e traballadores da sanidade pública galega titulado “Por una atención primaria vertebradora del sistema de salud”. Unha presentación en power point integramente redactada en castelán coa que, para a CIG-Saúde, queda constatado “o desprezo desta administración ao idioma galego”.

A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, denuncia que esta non é a primeira vez que os documentos que remite o SERGAS, sobre todo os relacionados coa asistencia sanitaria, están en castelán e nunca en galego.

Por iso lembra que no propio Estatuto de Autonomía se recolle que “a lingua propia de Galiza é o galego” e que os poderes públicos de Galiza “potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa”. Algo que “incumpre de forma reiterada esta consellaría”.

Así mesmo, a secretaria nacional da CIG-Saúde sinala que tamén o Decreto de Normalización Lingüística, no seu artigo 6 afirma que “os poderes públicos de Galiza promoverán o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns”. Un compromiso que parece que tampouco está disposta a cumprir esta consellaría.

Abuín agarda que desde esa dirección xeral se tomen as medidas oportunas para que isto non se volva a suceder.

Volver