A CIG-Saúde reclámalle á dirección do HULA que poña solución á situación de colapso das urxencias

Critican que, logo de catro meses, a xerencia siga sen recibir o persoal
Lugo - 17 Abr 2018

A CIG-Saúde vén de reclamarlle ao xerente do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) que atenda a solicitude de xuntanza trasladada hai xa catro meses para abordar coas traballadoras e os traballadores de urxencias, as situacións continuadas que se están a soportar neste servizo en todas as categorías. Dende a Federación de Saúde critican a incapacidade da dirección do hospital para atallar esta situación límite e a falta de interese por abordar co persoal afectado as carencias desta unidade.

A secretaria comarcal da CIG-Saúde, Carme Aira, denuncia que esta mañá o servizo de urxencias volveu amenceu con 15 pacientes que deberan estar en observación, debido "como sempre, a que en observación había pacientes que deberían estar ingresados/as".

En moitas ocasións a situación é límite e non garante a mellor calidade asistencial, nin a seguridade xurídica do persoal"

Aira explica que o pasado ano a CIG-Saúde expuxera á xerencia as dificultades polas que pasa o persoal de urxencias para o desempeño adecuado do seu traballo, "xa que en moitas ocasións a situación é límite e non garante a mellor calidade asistencial, nin a seguridade xurídica necesaria para o persoal". Porén, daquela, a xerencia non achegou explicacións "convincentes" sobre os seus proxectos para a mellora desta unidade e posteriormente eludiu manter unha reunión co propio persoal do servizo, "dilatando o tema cunha negativa que non puido ser máis grande, e remitíndonos ao director asistencial".

Á súa vez, o director Asistencial demorou a xuntanza, "de modo que a día de hoxe, catro meses despois, o persoal de urxencias non puido comunicarse colectivamente coa súa xefatura para transmitir os problemas que causan o ateigamento do servizo, nin á xefatura se interesou o máis mínimo por contar co persoal para buscar a mellor solución posíbel", critica Aira.

Capacidade nula da xerencia

Dende CIG-Saúde denuncian o colapso das urxencias do HULA se agudiza mentres a xerencia "demostra ter unha capacidade de actuación nula, pois ningunha das medidas que din que toman serviron até o momento para nada, e nin sequera lles interesa escoitar o persoal. Mentres quen está a dar a cara, a facer o traballo o mellor posíbel en situacións límite, xogándose o seu prestixio profesional e na máis absoluta das inseguridades, son precisamente eses traballadores e traballadoras ás que non queren escoitar".

Diante de todo isto, CIG-Saúde insta a toda a dirección do HULA a resolver os problemas "que hai baixo o seu teito, pois as urxencias só son unha parte, moi relacionada co resto de situacións que se dan no hospital".