A CIG-Saúde rexeita as propostas do Sergas en recursos humanos para a Atención Primaria

Trátase de medidas excepcionais que non solucionan os problemas estruturais de falta de persoal
Nacional - 21 Xul 2022

A CIG-Saúde trasladou o seu rexeitamento en materia de recursos humanos para a Atención Primaria achegadas polo Sergas na Mesa Sectorial de Sanidade celebrada onte ao tratarse de medidas excepcionais que non solucionan os problemas estruturais de falta de persoal.

Dende a central sindical sosteñen que as medidas presentadas de xeito verbal na Mesa Sectorial teñen como obxectivo actuar sobre as consecuencias da situación de deterioro asistencial que se está a dar neste momento ao non poder garantir as presenzas de profesionais en determinados PAC.

Pero denuncian que estas medidas non forman parte do ámbito de negociación da Mesa Sectorial, senón que son a resposta á actual crise sanitaria, “e a Administración ten que asumir esta situación e tomar as medidas que permite o marco legal para situacións excepcionais, como a que se vive estes días na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, pero que mañá poden darse noutras zonas”, comenta o secretario nacional da CIG-Saúde, Manolo Moreira. 

No ámbito de negociación da Mesa Sectorial está o Plan de Ordenación de Recursos Humanos de Atención Primaria, que tería que estar facendo a análise de necesidades e ver as medidas necesarias para darlles resposta

Lembra que no ámbito de negociación da Mesa Sectorial está o Plan de Ordenación de Recursos Humanos de Atención Primaria, que tería que estar facendo a análise de necesidades e ver as medidas necesarias para darlles resposta. “Tamén está adiantarse á situación crecente de déficit de profesionais da enfermaría, e é urxente adaptar as necesidades de profesionais á oferta formativa, algo que non depende do Goberno de Madrid”.

Ao mesmo tempo, advirte que a dificultade para garantir as presenzas de profesionais en determinados PAC está a ter efectos no 061, que se ve obrigado a facer un uso intensivo do transporte sanitario urxente para trasladar doentes desde os seus domicilios aos servizos de urxencias; ao non poder ser valorados/as previamente por profesionais de PAC, estanse trasladando doentes aos servizos de urxencias que, nalgúns casos, poderían ter sido tratados no seus domicilios.

E tamén afecta aos servizos de urxencias, que teñen que ver un volume de pacientes que non deberían chegar ás portas das urxencias hospitalarias nunha situación de normalidade asistencial nos PAC. Pero esta situación non é responsabilidade das profesionais dos PAC nin do conxunto da Atención Primaria.

“En todo caso, as profesionais dos PAC, dos centros de saúde, do 061 e dos servizos de urxencias tamén son vítimas dunha situación que non provocaron e que ten unha clara afectación na calidade asistencial prestada ao conxunto da cidadanía”, indica.

Mellorar as condicións laborais

Por iso dende a CIG-Saúde consideran que as medidas propostas deberían ir na liña de recoñecer a situación de crise sanitaria, estudar as causas que xeran esta situación, avaliando como se chegou aquí e asumir as responsabilidades na xestión, ou na ausencia dela, realizada nos últimos anos.

“A falta de profesionais que queiran traballar na Atención Primaria é evidente, a metade das residentes que remataron a súa formación en Medicina Familiar e Comunitaria nos últimos cinco anos non están a traballar na Atención Primaria; algunhas están nas Urxencias Hospitalarias, outras no 061 e outras noutros ámbitos da sanidade privada ou mutuas”. 

As persoas que estudan medicina e fan prácticas nos centros de saúde ven como a súa realidade e deciden facer calquera outra especialidade antes que Medicina Familiar e Comunitaria

E as persoas que estudan medicina e rotan facendo prácticas, no quinto ano, polos centros de saúde, e ven como é a súa realidade no día a día, deciden facer calquera outra especialidade antes que Medicina Familiar e Comunitaria, chegando a deixar desertas prazas de formación MIR ou renunciando a elas no primeiro ano de formación.

“Pero a resposta á situación actual non pode ser que non hai profesionais da Medicina de Familia, temos que preguntarnos cal é a razón para que sexa así e que medidas estruturais tomamos para que deixe de selo. E a razón para que non haxa profesionais é que, ano tras ano, as condicións de traballo na Atención Primaria foron empeorando, e profesionais cunha alta formación ven frustradas as súas expectativas de ter un desempeño profesional minimamente satisfactorio que permita poñer a súa formación e a súa dedicación ao servizo das necesidades dos pacientes de Atención Primaria”.

Neste senso, queren deixar moi claro que ou se melloran esas condicións de traballo -e non é se trata só dunha cuestión retributiva- ou as prazas de formación que incrementemos seguirán a quedar desertas, “porque dos que se forman, os que poden elixir, elixen traballar noutros ámbitos”.

Mais as medidas propostas non van na liña de mellorar as condicións de traballo, “son medidas que penalizan máis a profesionais xa sobrecargados, que están soportando co seu esforzo o peso da sanidade pública, e que ven ameazada a organización das súas quendas de traballo, concentrándoas nas fins de semana, incrementando a mobilidade forzosa ou recortando o seu dereito a ter as vacacións nos períodos xa concedidos, entre outras cousas; é dicir máis recortes de dereitos, como se foran culpábeis da situación”.

Na CIG-Saúde entenden que é responsabilidade da Administración tomar as medidas necesarias para garantir a asistencia sanitaria, nunha situación de crise como esta, que non é puntual, que vai durar no tempo até que se incorporen novos profesionais.

“É obriga da Administración sanitaria facelo; pero temos claro que enfrontar profesionais de distintos ámbitos ou aplicar medidas en contra das persoas traballadoras non vai contribuír a solucionar as causas que xeran os problemas actuais”.