A CIG-Servizos advirte das precarias condicións nas residencias privadas de Lugo e que non se cumpren as ratios

Lugo - 26 Xul 2023

A CIG-Servizos denuncia a precarización laboral que sofren as traballadoras das residencias Serge A Veiga (en Láncara) e Galega de Servizos Xeriátricos (en Guntín), que pertencen ao mesmo grupo empresarial, derivada da falta de persoal de atención directa. Esta situación, advirte a CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, é extrapolábel a outras residencias privadas da terceira idade que hai na provincia como as de Orpea-Sanyres, DomusVi, CK Senior Gestión, Troncoso ou As Rodas.

Critican que non se están a cumprir as ratios de persoal de atención directa que marca a normativa da Xunta de Galiza pois en moitas ocasións "cando o persoal está de baixa médica non se substitúe, pero segue contabilizando nesa ratio". A isto hai que engadir un déficit de profesionais de atención directa xa nos centros privados, as ratios inclúen a persoal médico, de fisioterapia, de traballo social etc.

"E aínda que é certo que traballa coas persoas usuarias, quen realmente ten que manexar fisicamente as usuarias e usuarios que non teñen autonomía, son na maioría dos casos xerocultoras auxiliares e persoal de limpeza", apunta Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo.

A este respecto, engade que a central nacionalista leva tempo denunciando que non se cumpren as ratios e reclamando a equiparación dos cocientes coas residencias que xestiona directamente a Xunta de Galiza, pois a carga de traballo "debe ser a mesma tanto nunha residencia privada como nunha pública".

De feito, a sobrecarga física e psicolóxica que teñen que asumir as traballadoras e traballadores de atención directa provoca un elevado número de baixas por problemas músculo-esqueléticos e psicosociais.

"Ademais, tamén queremos denunciar que se segue presionando o persoal xerocultor para que dea medicación sen supervisión de persoal técnico da saúde", recalca Paz, aínda que a normativa non permita estas prácticas.

Condicións salariais e laborais baixas

Sobre as escusas das empresas de que non atopan persoal técnico nin xerocultor auxiliar, critica que se hai escaseza de demandantes de emprego para este sector débese precisamente ás precarias condicións de traballo a aos baixos salarios.

Neste senso, lembra que o convenio de residencias privadas de terceira idade de Galiza asinado por UGT e CCOO "é precario tanto salarial como socialmente falando, este convenio neste ano 2023 regula unha subida dun 1% cando arrastramos unha perda do poder adquisitivo do IPC do ano pasado dun 5,7%".

Na táboa salarial para este ano 2023 hai categorías neste convenio que cobran por debaixo do salario mínimo interprofesional, como o persoal auxiliar de cociña ou o de limpeza (cun soldo mensual de 1017€), mentres que o persoal xerocultor cobra 25€ euros por enriba do SMI.