• Nova

CIG-Servizos considera un simple lavado de cara a destitución de Josefina Fernández á fronte do Grupo DomusVi

Pide un cambio radical no modelo de xestión para garantir unha atención e unhas condicións laborais dignas
Nacional - 20 Set 2021

A CIG-Servizos considera que a destitución da conselleira delegada do Grupo DomusVi, Josefina Fernández Miguélez non é máis que un lavado de cara para tentar “tapar” a nefasta xestión que fixo o grupo empresarial da situación sanitaria xerada na pandemia. Unha xestión que se afasta moito do que cabería agardar dun grupo empresarial que pretende ser un referente no sector de residencias privadas de maiores.

Xa, cando no ano 2020, e con preto de 2.000 mortos nas súas residencias, en comparecencia no Parlamento Galego, Josefina Fernández declaraba que "non nos avergoñamos de gañar cartos coidando a quen o necesita", estaba deixando ben claro que DomusVi entende os coidados das persoas maiores como un simple negocio.

Para esquecer tamén son os escándalos que rodean a ex-conselleira delegada, como a vacinación tanto do seu irmán como dela propia, efectuadas de xeito irregular nunha das residencias que xestionaba, priorizando a súa saúde á das persoas residentes.

Todo isto acontecía mentres que os centros do Grupo DomusVi contaban cun récord de contaxios.

Estes intolerábeis acontecementos, levaron a CIG-Servizos a realizar denuncias públicas destas irregularidades así como das situacións desastrosas que se estaban a vivir nalgunhas residencias, que foron corroboradas e apoiadas por asociacións de usuarios/as e familiares.

Pola contra, a Xunta de Galiza permanecía en silencio, sen amosar o mais mínimo interese polo pésimo modelo de xestión privada nas residencias do Grupo DomusVi. Modelo do que a Xunta é coñecedor e consentidor, asumindo como normais as condicións de precariedade nas que se traballa en moitos dos centros, ao compartir o goberno do PP coa empresa a concepción mercantilista dos servizos de coidados.

Por todas estas razóns, a CIG-Servizos non pode menos que sospeitar que esta destitución sexa un simple lavado de cara e que o novo conselleiro delegado non realizará os cambios precisos para garantir a mellor atención posíbel nin para mudar a situación laboral do persoal que traballan nas residencias do grupo. Uns cambios máis que necesarios para dignificar e recoñecer o labor do persoal que durante esta pandemia demostrou a súa profesionalidade e entrega de xeito admirábel, a conta mesmo da súa propia saúde.

A CIG-Servizos vai solicitar unha xuntanza co novo conselleiro delegado, José María Pena, para abordar todas estas problemáticas. "Agardamos unha rápida resposta, e de non ser así, evidenciarase que o cambio de conselleiro delegado non implicara un cambio real na actuación da dirección de DomusVi", advirten.

O convenio de residencias privadas, paralizado

Doutra banda, a CIG-Servizos denuncia a parálise na que se atopa a negociación do convenio colectivo de residencias privadas, que caducou o 31 de decembro de 2019, motivo polo que a central sindical enviou solicitude ao Consello Galego de Relacións Laborais para que xestione con prioridade absoluta a reactivación das negociacións.

No caso de que a patronal do sector (co Grupo DomusVi á cabeza) manteña a súa actitude obstrucionista, a CIG dirixirase ás demais organizacións sindicais para promover unha mediación no AGA que permita rematar con este bloqueo patronal e avanzar nun convenio colectivo que dignifique as condicións laborais e salariais dun persoal esencial e necesario.