A CIG demanda un convenio galego de residencias privadas que dignifique as condicións laborais

A central denuncia o nulo interese da patronal en renovar un acordo cuxa vixencia rematou en 2019
Nacional - 16 Mar 2021

A federación de Servizos da CIG instou hoxe a patronal a axilizar a negociación dun novo convenio colectivo galego de residencias privadas da terceira idade que dignifique as condicións laborais do persoal do sector e denunciou a estratexia empresarial de adiar o acordo. Dende a central sindical lembran que as traballadoras/es levan dende 2019, ano no que rematou a vixencia do convenio, sen incrementos salariais “a pesar de seguen a facer un traballo impecábel e un esforzo enorme, demostrando unha total implicación ante a situación de pandemia que estamos a vivir”.

O responsábel nacional de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez, compareceu esta mañá en Vigo en rolda de prensa xunto a Loli Simón, delegada da CIG e traballadora da residencia DomusVi de Barreiro para dar conta da situación de parálise das conversas “porque a patronal non quere chegar a un acordo”. Lembrou que en 2019, cando aínda estaba vixente o anterior convenio, tivo lugar un conflito a respecto da compensación dos días festivos traballados.

“Os tres sindicatos maioritarios presentamos unha demanda de conflito colectivo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), que nos deu a razón no sentido de que a compensación dos festivos debía facerse tal e como nos interpretábamos, xa que pretendían compensar 0,3 días por cada xornada festiva en lugar dos 1,3 que se estableceron dende hai xa catro convenios”, explicou.

O 25 de maio de 2020 coñeceuse a sentenza, o que fixo que a mesa negociadora non se constituíse até o 25 de xuño de 2020 “porque aínda que xa estaba denunciado o convenio e se lle transmitiu á parte empresarial que tiña que formar a mesa para comezar a negociar, esta negouse até que se producise a resolución xudicial”.

Isto provocou que durante estes dous anos de atraso do convenio o persoal do sector non gozase de ningún incremento salarial, “a pesar de que seguen a facer un traballo impecábel e un esforzo enorme, demostrando unha total implicación ante a situación de pandemia que estamos a vivir”. Neste senso, lamentou que non se lles recompense polo seu traballo, “mentres os lobbys do sector seguen a facer negocio de xeito perverso cos nosos maiores; continúan a enriquecerse a costa das persoas maiores, pero non recoñecen a labor dos cadros de persoal”, criticou.

Xestión neglixente

Sinalou que neste tempo puideron comprobar tamén a “neglixente xestión” por parte das empresas, ao tempo que se demostrou que os ratios que teñen nas residencias de dependentes de 0,35 e de non dependentes de 0,20 “son totalmente insuficientes e moitas veces non se cumpren”. En consecuencia, as traballadoras/es atópanse nunha situación moi precaria, “e non hai que esquecer que a súa función é coidar a atender persoas, pero semella que as empresas non o teñen en conta”. 

O persoal leva dous anos sen ningún tipo de subida salarial

Pérez botou a vista atrás para indicar que cando se iniciou a negociación deste convenio dicíase que era un convenio ponte, un acordo de transición que tiña que abordar os problemas inmediatos para logo negociar un mellor acordo no futuro. “Vemos que isto é unha mentira total, xa que o que pretende a patronal é adiar o convenio até que saia a sentenza do Tribunal Supremo tras o recurso presentado contra a decisión do TSXG no referente á compensación dos festivos”.

Por iso considera que o único que pretende a patronal é que non se pacten incrementos salariais nin melloras laborais, o que imposibilita que haxa un convenio ponte. “De feito, tivemos que impoñer a constitución da mesa negociadora, que en nove meses unicamente se reuniu en seis ocasións, algo que non pasa en ningún convenio colectivo”. A última xuntanza foi o tres de marzo, e a próxima celebrarase seguramente a mediados de abril. “Isto non é negociar, e teñen que darse conta que o esforzo que están a facer os empregados/as do sector merece todo o respecto na negociación dun convenio digno”.

Recompensar o esforzo

Pero a cambio o persoal do sector atópase co adiamento da negociación, con só 13 artigos tratados en seis xuntanzas, “o que é unha auténtica tomadura de pelo”. E aínda por riba a parte empresarial non achega ningunha proposta a pesar da plataforma conxunta de convenio que lles entregamos as tres centrais sindicais. “Din que a plataforma é inasumíbel, pero non presentan unha alternativa; a súa única estratexia pasa por adiar a negociación, algo intolerábel. O esforzo do persoal ten que ser recompensado cun convenio digno, aínda que sexa de transición, pero o que está a acontecer fainos pensar que a patronal non quere negociar e busca o conflito”. 

Na CIG entenden que o sector das residencias privadas ten que camiñar cara a homologación co sistema público

Por outra banda, lembrou que a CIG ten en marcha unha campaña para reclamar un Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas que nestes momentos inclúe a recollida de sinaturas para presentar unha proposición non del lei de iniciativa popular porque entendemos de ademais de ser un servizo esencial debera estar catalogado como un servizo público.

“Os nosos maiores teñen que deixar de ser unha mercadoría para as empresas privadas que xestionan as residencias e teñen que estar atendidos por un servizo público de calidade no que se garantan os seus dereitos”.

Mentres isto non se produce, na central sindical entenden que o sector ten que camiñar cando menos cara a homologación co sistema público no relativo á xornada laboral, ás condicións de traballo e aos soldos, “xa que na actualidade atopámonos con diferencias salariais até 500 euros mensuais (incluíndo os distintos complementos) e con arredor de 200 horas de traballo máis ao ano”. Estas diferencias fixéronse máis evidentes cando algunhas residencias privadas foron intervidas pola Administración durante a pandemia e ao persoal da Xunta non se lle aplicou o convenio de residencias, mentres que ao outro si, a pesar de que desenvolvían o mesmo traballo.