A CIG-Servizos denuncia a precariedade laboral que padece o persoal do Decathlon de Lugo

Lugo - 05 Xul 2023

A CIG Servizos de Lugo quere denunciar a insostíbel situación de precariedade e inestabilidade laboral que sofren as traballadoras e os traballadores da tenda Decathlon de Lugo. Dun cadro total formado por 36 persoas, só dúas, que ocupan cargos de responsabilidade, están a xornada completa, mentres que o resto ten contratos a tempo parcial e polo tanto unhas remuneracións cativas.

Pero é que ademais, a empresa modifícalle os cadrantes de traballo ao arbitrio dos encargados, sen negociar nin informar previamente ás traballadoras e traballadores, impóndolles deste xeito unhas quendas laborais que non lles permiten conciliar a vida familiar e o traballo.

A isto hai que sumar, explica Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, que a día de hoxe non existe control horario neste tenda, a pesar da obriga que teñen todas as empresas de facelo. Este incumprimento da normativa laboral xa foi denunciado diante da Inspección de Traballo.

Esta precariedade e inestabilidade, xunto cos baixos salarios, provoca que os traballadores e as traballadoras "estean mentalmente exhaustas e sometidas a altos niveis de estrés e ansiedade", o que acaba traducíndose nun elevado número de baixas médicas. "Por enriba das condicións penosas que afectan a súa saúde, cando alguén colle unha baixa recibe presións para acurtar o tempo de duración".