A CIG-Servizos denuncia que o cambio de concesión na cociña do Chuvi responde a intereses electoralistas do PP

A central sostén que os problemas coa comida son resultado da mala xestión e reclama un cambio no sistema de refrixeración
Vigo - 23 Xun 2016
A CIG-Servizos denuncia que o cambio que se vén de pruducir na empresa concesionaria do servizo de cociña do Chuvi (hospitais Álvaro Cunqueiro, Meixoeiro e Nicolás Peña) responde a intereses electoralistas do Partido Popular. A central sostén que os problemas coa comida son resultado da mala xestión e reclama un cambio no sistema de refrixeración, “xa que do contrario as eivas van continuar sexa cal sexa a compañía que asuma o servizo”.

A secretaria comarcal da federación de Servizos da CIG de Vigo, Transi Fernández, compareceu hoxe en rolda de prensa xunto a representantes do comité de empresa de Serunión, a actual concesionaria, para denunciar que o recente cambio na empresa que xestiona o servizo de cociña dos hospitais Álvaro Cunqueiro, Meixoeiro e Nicolás Peña responde unicamente a intereses electoralistas. “A decisión de entregarlle a concesión a unha nova compañía pouco antes das eleccións estatais é un lavado de cara do PP, consciente das numerosas queixas que existen dos pacientes e usuarios/as polo estado lamentable no que chegan os alimentos”, sosteñen.

Segundo anunciou o Sergas, a partir do 1 de xullo farase cargo do servizo a empresa catalana Arcasa, curiosamente a que presentou a oferta máis cara durante o proceso de licitación. “Agora parece ser que da noite para a mañá van solucionar os problemas existentes e que levamos tempo denunciando, como a escaseza de bandexas ou o feito de que non se reparta auga”. Mais a responsábel sindical e as traballadoras/es sosteñen que as eivas no servizo, e que provocaron milleiros de reclamacións, van continuar “porque o que falla é o sistema e a organización”.

Cambio de sistema

Neste senso, lembran que dende a apertura do novo hospital vigués introduciuse un cambio no modelo: antes a comida cociñábase e repartíase no mesmo día, pero agora cocíñase e a continuación refrixérase. Varios días despois sométese a un proceso chamado rexeneración antes de pasar a ser servida. “Isto fai que chegue nun estado lamentable aos pacientes a pesar de que o persoal utilice para a súa elaboración produtos de primeira calidade”.

Ao mesmo tempo, rexeitan as declaracións do xerente da EOXI nas que culpabilizaba a Serunión do cambio da concesión e soteñen que os problemas coa comida non van rematar até que non se modifique o sistema, xa que incluso os actuais menús dispoñíbeis non son os máis axeitados para este tipo de elaboración. “Pero a nova empresa non vai poder facer nada neste sentido porque só pode seguir o modelo implantado polo Sergas”.

Dende a CIG-Servizos sinalan que esta situación está a provocar moitos problemas entre o persoal, xa que o cambio introducido de xeito brusco no sistema de comidas xenera “malestar e ansiedade entre os traballadores/as”. A isto hai que sumarlle as numerosas queixas e críticas que teñen que soportar a diario cando recollen as bandexas da comida, porque até o reparto da mesma lles foi retirado, labor que agora fan as Tecae.