A CIG-Servizos Ferrol denuncia os abusos laborais e a persecución sindical na empresa Os Ventos

A compañía presta o servizo de axuda no fogar en varios concellos da comarca
Ferrol - 29 Abr 2026

A CIG-Servizos de Ferrol compareceu este mércores en rolda de prensa para denunciar a situación laboral que están a vivir as traballadoras da empresa Os Ventos Innovación en Servizos, que entre outras actividades, presta o servizo de axuda no fogar en varios concellos da comarca como Fene, Cariño ou Neda.

A secretaria da CIG-Servizos de Ferrol, Bea Fernández, explicou que as traballadoras están sometidas a unha elevada presión “que roza o acoso en moitos casos”, e que esta persecución ten unha especial intensidade sobre as delegadas de persoal da central nacionalista.

Neste senso, na comparecencia acusaron á empresa de priorizar o beneficio económico ás condicións laborais e da calidade asistencial, practicando unha política de precarización do traballo “con recortes continuos nos tempos de atención, unha organización deficiente e unha presión constante sobre o persoal para cumprir uns servizos imposíbeis”.

Na mesma liña, as delegadas puxeron en valor a importancia dos traballos dos coidados, “que nalgún momento das nosas vidas todas as persoas imos necesitar”, pero que malia todo, segue a ser un sector feminizado e pouco valorado económica e socialmente.

Cargas de traballo abusivas e sen descanso

Fernández lembrou que esta empresa foi apartada hai unhas semanas polo Concello de Miño despois das queixas e denuncias, tanto das traballadoras como das persoas usuarias, polos reiterados incumprimentos e a nefasta xestión do SAF. Advertiu que Os Ventos está a impoñer “condicións de traballo absolutamente inaceptábeis, con cargas laborais abusivas, tempos de atención insuficiente, falta de coberturas das baixas e vacacións e unha organización caótica, que obriga a asumir ritmos inhumanos”.

De feito, apuntou Cristina Martínez Padín, “as traballadoras teñen uns cuadrantes, pero na realidade hai días que teñen que asumir tres ou catro servizos a maiores. E a empresa xoga moito con este sistema”. A consecuencia: as traballadoras non teñen os descansos regulamentarios entre xornadas, traballan máis de nove horas ao día, en tres franxas horarias etc. e “ao final acaban caendo de baixa por esgotamento físico e estrés mental”.

Xusto a isto, as delegadas da CIG sinalaron que non existe un cálculo real dos tempos de desprazamento entre os distintos domicilios, o que obriga as traballadoras “a asumir ritmos frenéticos e mesmo a poñer recursos propios para poder cumprir cos servizos asignados”. Ademais, de maneira habitual as nóminas ingrésanse fóra dos prazos marcos polo convenio.

Esta dinámicas e a falta persistente de persoal, engadiu Fernández, tradúcese “en sobrecargas de traballo, estrés e na imposibilidade de prestar unha atención digna as persoas usuarias”.

Para máis abundar, nin sequera hai unha interlocución clara coa empresa, “xa que en cada reunión mandan a unha persoa coordinadora diferente pero sen capacidade real de decisión, polo que non se lle poden dar solucións ás problemáticas”, destacou Padín.

Un servizo degradado para engordar o negocio privado

Denunciaron que esta política empresarial está a ter consecuencias directas sobre as persoas, “convertendo un dereito básico nun servizo cada vez máis degradado, onde se recortan tempos de atención e se deshumaniza o coidado. Os Ventos está a facer negocio coa dependencia, utilizando diñeiro público mentres empeora as condicións laborais e reduce a calidade asistencial”.

Neste punto, as delegadas de persoal tamén responsabilizaron as administracións por permitir este sistema precario e exixiron “unha intervención inmediata ante o que consideramos unha situación de abuso continuado”.

A CIG-Servizos xa trasladou todas estas vulneracións dos dereitos laborais básicos do persoal ante a Inspección de Traballo, “que confirmou os incumprimentos e obrigou a empresa a rectificar de inmediato e respectar as condicións laborais e a lexislación vixente”.

Acoso e represalias

Outra cuestión que quixeron pór enriba da mesa durante a rolda, foi o clima de acoso e as represalias que están a sufrir as delegadas da CIG polo seu labor en defensa dos dereitos das traballadoras. “Denunciamos publicamente intentos de silenciamento, obstáculos ao exercicio a representación sindical e actitudes intimidatorias que considerados absolutamente intolerábeis nun estado democrático”, aseveraron.

A representación da CIG reiterou que non vai tolerar este tipo de actitudes, abusos e desprezos por parte a empresa e non descartan iniciar mobilizacións “se Os Ventos non cumpre estritamente coas súas obrigas legais”. Nesta liña, a CIG-Servizos e as delegadas animaron ás compañeiras da comarca a non calar ante os abusos e denunciar calquera irregularidade cometida por esta empresa.