A CIG-Servizos mobilízase no aeroporto de Santiago contra o acoso laboral de Prosegur a un delegado

A empresa xa foi sancionada con anterioridade mesmo polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza
Compostela - 06 Out 2017

Representantes da CIG-Servizos e traballadores/as concentráronse nas instalacións do aeroporto “Rosalía de Castro” de Santiago de Compostela, para manifestar o seu apoio ao delegado da sección sindical na empresa Prosegur e o seu rexeitamento ao acoso laboral que vén este último ano.

A CIG-Servizos de Compostela lembra que Prosegur é adxudicataria da contrata do servicio de vixianza do aeroporto de Compostela desde hai un ano aproximadamente e denuncia que, neste tempo “dedicouse a atacar e acosar ao noso delegado da sección sindical, José Luis Castro, realizando varias accións contra el”.

Entre outras CIG-Servizos sinala que lle foron modificadas as condicións de traballo, cambiándolle a súa rotación laboral e a súa reducción de xornada por garda legal que viña disfrutando dende hai anos. Unha situación que foi denunciada polo traballador e polo que a empresa foi condenada.

Aínda así, Castro tivo que volver denunciar a Prosegur por Tutela de Libertade Sindical a raíz da cal o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza condenou novamente á empresa, que tivo que indemizalo con 3.125 euros.

Segundo explica Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos, “non contenta co anterior, Prosegur sanciona a Castro con ‘dous meses de emprego e soldo por permitir o acceso dun coche coa ITV caducada, a instancias dun informe da Garda Civil”. Unha sanción que xa está recorrida no xulgado á espera de que este dirima.

O máis grave é que aínda sen rematar esa sanción de dous meses, “a empresa sancionouno de novo con 9 días de emprego e soldo por realizar ben o seu traballo, xa que se formou unha cola de 9 coches por facer as comprobacións oportunas”.

“Primeiro o sancionan por, según a empresa, non facer ben o seu traballo ao non realizar as comprobacions oportunas, e se as fai tamén o sancionan. Pensamos que Prosegur debería facer mirarse as súas propias contradicións”.

Esta actitude de Prosegur, segundo lembra o secretario comarcal da CIG-Servizos, non é nova, xa que Castro vén padecendo unha situación de acoso laboral desde hai tempo “por defender o que é xusto, por defender os dereitos dos e das compañeiras do aertoporto”. Un acoso que padece ademais “coa complicidade da propia AENA e da Garda Civil”, afirma.

Por iso a CIG-Servizos comenzamos vén de pór en marcha unha campaña en defensa dos dereitos do compañeiro e de todas as traballadoras e traballadores que padecen acoso laboral nesta empresa, da que esta concentración foi o inicio.