CIG-Servizos solicita xuntanzas con grupos parlamentarios e a FEGAMP para trasladar a problemática dos SAF

Representantes das traballadoras estarán mañá mércores no Parlamento de Galiza
Nacional - 08 Nov 2022

A CIG-Servizos vén de remitir un escrito á Federación Galega de Municipios e Provincias e máis aos grupos parlamentarios para solicitar unha xuntanza e trasladarlles a situación na que se atopan as traballadoras dos Servizos de Axuda do Fogar, en folga indefinida desde hai unha semana.

Ademais, a secretaria nacional, Transi Fernández, e delegadas das catro provincias asistirán mañá ao pleno do Parlamento para escoitar o que ten que dicir a respecto da súa situación o partido que sustenta ao goberno da Xunta, o Parido Popular, que responderá a unha pregunta do BNG sobre este tema.

A secretaria nacional lembra que a situación das traballadoras é consecuencia da externalización dun servizo esencial que “deberían prestar directamente as administracións” e que as empresas “conseguen os seus beneficios a custo de manter en condicións precarias ás traballadoras”. Por iso demanda que os servizos sexa prestados directamente pola Xunta ou polos concellos, tanto para garantir a súa calidade como unhas condicións laborais dignas.

Continúan as mobilizacións

Transcorrida unha semana desde o inicio da folga indefinida, as traballadoras continúan a mobilizarse dunha punta a outra de Galiza para manifestar o seu rotundo rexeitamento ao preacordo asinado por CCOO e UGT e para exixir un outro convenio no que se melloren as súas condicións económicas, partindo do incremento do 6,5% que as empresas tiñan que ter aplicado xa en cumprimento da cláusula do convenio -que aínda segue en vigor- que recoñece o seu dereito a actualización salarial anual conforme o IPC.

Xunto a isto, demandan que se actualicen as cantidades por quilometraxe, tendo en conta a suba dos prezos dos combustíbeis, porque agora están pagando esas cantidades dos seus petos e outras melloras sociais.

Para a xornada de mañá están previstas novas mobilizacións en distintos puntos de Galiza:

  • A Coruña: ás 09:30h, concentración diante do Concello
  • A Guarda, ás 11h, concentración diante do Concello
  • As Neves: ás 11h, concentración diante do Concello
  • Becerreá: ás 12h, concentración diante do Concello
  • Brión: ás 11h, concentración diante do Concello
  • Cambados: ás 15:15h concentración diante do Concello
  • Cambre: 12:30h, concentración diante do Concello
  • Covelo, ás 11h, concentración diante do Concello
  • Moaña: ás 11h, concentración diante do Concello
  • Monforte, ás 20h, manifestación dende o local sindical até o Concello
  • Mos, ás 11h, concentración diante do Concello
  • O Carballiño: ás 14:30h, concentración diante do Concello
  • O Porriño, ás 11h, concentración diante do Concello
  • Ourense: ás 11h, concentración diante do Concello
  • Pazos de Borbén: ás 11h, concentración diante do Concello
  • Ponteareas: ás 11h, concentración diante do Concello
  • Redondela: ás 11h, concentración diante do Concello
  • Salceda: ás 11h e ás 17h, concentración diante do Concello
  • Tomiño, ás 11h, concentración diante do Concello
  • Valdoviño: ás 12:30h, concentración diante do Concello
  • Vigo: ás 11h, concentración diante do Concello
  • Vimianzo; ás 13h, concentración na Praza do Concello