A CIG-Valdeorras chama a participar na manifestación deste sábado 22 contra o desmantelamento do hospital comarcal
A Unión Local da CIG de Valdeorras fai un chamamento a participar na manifestación que terá lugar no Barco este sábado 22 de novembro contra o desmantelamento do hospital comarcal e na defensa dunha sanidade pública de calidade. A marcha arrincará dende o centro sanitario ás 18:00 horas.
Dende a central inciden en que a mobilización, á que se suman multitude de asociacións de distintos distritos e partidos políticos e sindicatos, entre eles a CIG-Valdeorras, é unha oportunidade para reivindicar “a sanidade pública de primeira que precisa a veciñanza da bisbarra”, intentar parar o desmantelamento do hospital por parte da Xunta e demandar a recuperación dos servizos de atención sanitaria.
Denuncian que como consecuencia desta política sanitaria do PP a poboación padece interminables listas de espera e ten que facer incontables viaxes ao hospital de Ourense “para consultas que tiñan que se facer no centro comarcal”. E consideran “canto menos inhumano” que haxa que agardar por unha cita para unha “simple receita” máis de 10 días.
“Tampouco pode ser -lamentan- que deriven operacións simples a Ourense porque no noso hospital non poden asumir ese risco, cando logo fan ese tipo de intervencións nun hospital privado e en peores condicións”. Ao mesmo tempo, alertan de que a falta de profesionais de pneumoloxía, traumatoloxía, oncoloxía, pediatría ou cardioloxía “condiciona as nosas vidas e prexudica o noso benestar".
En consecuencia, a CIG-Valdeorras súmase a unha loita para reclamar unha sanidade pública digna e de calidade e contra o desmantelamento do hospital comarcal. “Este sábado temos unha oportunidade para esixir que deixen de xoguen coa nosa saúde e co noso benestar, que respecten os nosos dereitos e que non condicionen as nosas vidas con políticas que atacan a toda a cidadanía”.