A CIG-Vigo insta á intervención pública de Barreras ante o perigo de desaparición do estaleiro

A dirección contratou unha consultora especializada en reestruturar empresas para a súa venda ou liquidación
Vigo - 05 Xul 2021

A Unión Comarcal da CIG de Vigo insta os Gobernos español e galego a unha intervención directa no estaleiro Barreras ante o perigo de desaparición da empresa, despois de que a dirección lle encargase a unha consultora unha reestruturación da empresa para levar a cabo súa venda ou para ir á liquidación.

O secretario comarcal, Alberto Gonçalves, lembra que a central sindical leva varios meses advertindo da situación crítica que atravesa Barreras: “Agora ratifícase que a nosa alerta era motivada, e atopámonos diante do risco real de que o estaleiro máis importante da Ría de Vigo e o maior de titularidade privada do Estado español desapareza”. 

Atopámonos diante do risco real de que o estaleiro desapareza

Gonçalves considera que os movementos levados a cabo pola dirección da empresa nas últimas semanas -a contratación dunha consultora especializada en reestruturar empresas para a súa vend aou liquidación- anticipan un “desenlace fatal” que tería unhas “consecuencias gravísimas” para o conxunto do sector naval vigués e para a súa industria auxiliar.

“A caída de Barreras pode ser o golpe definitivo e letal para o sector en Vigo, e non podemos permitir que unha industria estratéxica para a economía da comarca desapareza”.

Por iso a central sindical esíxelle aos Gobernos español e galego “que deixen de mirar cara a outro lado” e que actúen “dunha vez por todas” para asegurar a continuidade de Barreras e para “blindar” o futuro do naval vigués.

Incapacidade do capital privado

O responsábel sindical fai fincapé en que a operación The Ritz Carlton demostrouse un “fiasco total” e evidenciou a “total incapacidade” do capital privado para poñer en marcha as “enormes potencialidades” tanto de Barreras como do sector naval no seu conxunto. “É hora das decisións, comezando por unha intervención pública directa que evite a desaparición da empresa e dote a Ría de Vigo dun estaleiro público ou semipúblico, como existen noutros territorios, que reactive a actividade produtiva e garanta o emprego.

Finalmente, reitera a súa petición ao alcalde de Vigo para que convoque o Consello Social da cidade para dar unha “resposta firme” a esta “grave ameaza” para o futuro industrial de Vigo e de toda a súa bisbarra.