A CIG volve gañar as eleccións en AISCO e obtén a maioría absoluta no comité
A CIG volveu gañar as eleccións sindicais realizadas en AISCO (empresa do sector da construción situada en Cambre) ao lograr catro representantes dun comité formado por cinco membros. Deste xeito a central nacionalista consolida e reforza a maioría absoluta no órgano de representación xa que no proceso anterior obtivera tres delegados.
Para a FCM-CIG da Coruña este resultado demostra o acerto da acción sindical nos últimos catro anos, nomeadamente o papel desenvolvido tanto na negociación do ERTE aplicado a causa da pandemia da Covid-19 como posteriormente na mellora das condicións laborais.
A CIG agradece a confianza depositada nas súas candidaturas e reafirma o compromiso na defensa dos dereitos e na mellora das condicións do conxunto das traballadoras e dos traballadores desta empresa.