A CIG volve gañar as eleccións sindicais en CLUN Ribadeo

A central acadou sete dos nove representantes do comité
Ribadeo - 15 Dec 2020

A CIG volveu gañar as eleccións sindicais celebradas o pasado venres en CLUN Ribadeo (antigamente Cooperativa Os Irmandiños), ao obter sete dos nove representantes que se elixían para o comité de empresa. Por primeira vez, o cadro de persoal supera os 100 traballadores e traballadoras, o que fixo que se pasara de cinco a nove delegados/as.

No proceso participou un 57,28% do censo, obtendo a CIG o 74,5 % dos votos emitidos. No colexio de Técnicos/as e Administrativos/asa CIG foi a única candidatura, conseguindo 24 dos 25 votos emitidos; mentres que no de Especialistas, a central nacionalista logrou 20 votos polos 14 de CCOO, que ten os dous delegados restantes.

“Estes resultados son un apoio a un traballo serio de moitos anos e supoñen un empuxe para seguir na mesma liña de informar con transparencia e defender con rigor os intereses da totalidade do persoal” afirma Xoán Díaz, secretario de Organización de CIG da Mariña, que no seu día foi o primeiro presidente de dito comité. Pola súa banda, Pablo Rexes, presidente do comité nos últimos anos, asegurou que “despois de tantos anos con maiorías da CIG, é un orgullo que o cadro de persoal siga confiando en nós e traballaremos para seguir sendo merecedores desta confianza”. 

Retos de futuro

Os cambios nos últimos anos foron grandes e por iso “afrontamos o futuro como un reto e sendo conscientes do momento e das novas casuísticas que van xurdindo”. Neste senso, sinala que a pandemia condicionou a vida social e laboral e asuntos como a conciliación, ademais da propia saúde e seguridade do persoal, volveron cobrar unha especial importancia polo que “humanizar horarios e usos laborais foron un cabalo de batalla todos estes anos e sen dúbida seguirano sendo”.

Ao mesmo tempo, afirma Rexes, o proceso tamén foi unha mostra dos cambios experimentados na propia empresa nos últimos anos. “Antes todo xiraba en torno ao centro principal de traballo e hoxe son moitos os traballadores e as traballadoras que prestan servizos lonxe deste, noutras instalacións ou nas propias explotacións dos socios/as e iso foi algo que notamos na participación do proceso e algo no que deberemos traballar e ter máis en conta nun futuro”.