A Comisión de Centro denuncia a "situación de abandono" do Hospital Virxe da Xunqueira de Cee

Acusa á EOXI de desmantelar progresivamente o centro comarcal
Cee - 31 Xul 2017

A Comisión de Centro de Cee vén de denunciar "a situación de abandono" na que se atopa o
Hospital Virxe da Xunqueira e amosar a preocupación polo desmantelamento paulatino de
servizos neste hospital por parte da Xerencia de Xestión Integrada (EOXI) da Coruña, a quen acusan de "querer desmantelar"o centro.

Un camiño que, neste mes de xullo, comezou polo servizo de Preventiva, que dá cobertura á vacinación internacional e á consulta e seguimento de casos de  tuberculose e meninxite, entre outras moitas funcións. Deste xeito, a médica preventivista fará o seu traballo  dende A Coruña e acudirá só un día á semana a Cee. "Feitos que se poden repetir no laboratorio, xa que desde hai un tempo, a hematóloga e a analista algúns días fan as súas funcións tamén dende A Coruña", advirten. 

Fronte á perda de servizos e o deterioro da atención sanitaria na comarca, a Comisión de Centro reivindica un aumento do número de prazas e dos días de atención en  diálise; incorporación de celadores/as, que non existen neste hospital, sendo o único de Galiza que
non conta con esta categoría profesional para atender as necesidades dos usuarios/as; posta en  marcha dunha consulta de cardioloxía; aumento do laboratorio para asumir todas as análises dos  centros de Atención Primaria sen necesidade de que teñan que ir á Coruña; posta en marcha dunha UCI 24 horas, que permitiría poder realizar cirurxías de maior complexidade sen ter que desprazarse, realizar probas diagnósticas máis complexas, etc.

A 100 km do hospital de referencia

A este respecto denuncian que, fronte ao que defende a EOXI, a centralización dos servizos está provocar unha diminución da calidade asistencial. "Estamos nunha comarca que se atopa a 100 quilómetros do centro médico de referencia, e dispoñemos dun hospital comarcal que presta un servizo de calidade á poboación e que ten capacidade para ofrecer moitos máis servizos aos seus usuarios/as", defenden.

Dende a Comisión explican que a merma da  poboación é a escusa que se utilizan para diminuír a carteira de servizos que presta o hospital a  toda a comarca, obviando o dereito á saúde das cidadás e dos cidadás desa bisbarra. Por iso, dende a Comisión de Centro fan un chamamento á toda a veciñanza para defender o seu hospital "e con el o seu dereito a unha sanidade pública e de calidade, e a non  conformarse con ser usuarios/as de segunda categoría como pretende esta Xerencia. Porque do contrario volveremos a tempos pasados nos que había que percorrer 100 quilómetros para ter unha atención sanitaria de urxencia ou hospitalaria", aseveran.