A Consellaría de Sanidade nega o diálogo e non convoca ao comité de folga da CIG

A CIG-Saúde exixe respecto polo persoal e a apertura dun proceso de negociación que permita abordar con seriedade os problemas estruturais da Atención Primaria
Nacional - 11 Mar 2026

A CIG denuncia publicamente a actitude irresponsábel e profundamente antidemocrática da Consellaría de Sanidade que, na véspera da folga convocada na Atención Primaria para este xoves 12 de marzo, continúa sen convocar ao comité de folga correspondente nin estabelecer ningún espazo real de diálogo coa representación maioritaria do persoal.

A central nacionalista fai un chamamento a todo o persoal dos centros de saúde e PAC a secundar a folga e a participar na mobilización que a partir das 11:00 horas percorrerá o perímetro da Consellaría de Sanidade (no complexo administrativo de San Lázaro).

A CIG é a organización sindical maioritaria no ámbito da sanidade pública galega e, polo tanto, o sindicato que representa a maioría das traballadoras e traballadores do sector. A pesar diso, e malia estar convocada unha folga que afecta a todas as categorías da Atención Primaria do SERGAS, a Consellaría de Sanidade segue sen citar formalmente o comité de folga, unha obriga básica en calquera proceso de conflito laboral.

Para a secretaria nacional da CIG-Saúde, Ana Lestón, esta actitude “demostra unha vez máis o desprezo da Consellaría pola representación lexítima das persoas profesionais da sanidade pública. Non só ignoran as organizacións sindicais que representan o persoal, senón que tamén ignoran deliberadamente a situación límite na que se atopa a Atención Primaria”.

Crise profunda e prolongada da Atención Primaria

Advirte que a Atención Primaria vive unha crise profunda e prolongada con profesionais baixo unha sobrecarga asistencial insoportábel, a falta estrutural de persoal, o aumento constante da burocracia e a ausencia dunha planificación real por parte da administración. “Esta situación leva anos deteriorando a calidade asistencial e as condicións laborais, sen que a Consellaría ofreza solucións efectivas nin medidas estruturais que revertan o colapso do sistema”, denuncia Lestón.

Este empeoramento sostido no tempo e a ausencia de respostas reais, levaron a CIG-Saúde a convocar a folga do 12 de marzo para “reclamar medidas urxentes que garantan unha Atención Primaria digna”. Entre as principais reivindicacións atópanse a limitación das axendas asistenciais e a redución da sobrecarga de traballo, a incorporación de máis persoal en todas as categorías profesionais, a eliminación da burocracia innecesaria, a definición de ratios adecuadas de profesionais e unha planificación real da organización dos centros de saúde e dos PAC, ademais de medidas estruturais que garantan a sustentabilidade do sistema sanitario público.

Pero lonxe de afrontar este problema con responsabilidade, “a Consellería opta por ignorar as organizacións sindicais e evitar mesmo a convocatoria do comité de folga, nun intento evidente de esquivar o diálogo e minimizar un conflito que afecta directamente á calidade da atención sanitaria que recibe a cidadanía”.

A CIG advirte que esta actitude non só é unha falta de respecto ao persoal da sanidade pública, senón tamén un grave exercicio de irresponsabilidade política. “Se a Consellaría continúa negándose a dialogar e a cumprir coas súas obrigas, estará demostrando que non ten auténtica vontade de resolver a crise da Atención Primaria nin de escoitar as profesionais que sosteñen día a día o sistema sanitario público”.

Por iso, a secretaria da CIG-Saúde esixe a convocatoria inmediata do comité de folga e a apertura dun proceso de negociación que permita abordar con seriedade os problemas estruturais da Atención Primaria. “Porque sen respecto ás e aos profesionais, sen recursos suficientes e sen un diálogo social real, non hai sanidade pública que poida sosterse”, conclúe.