A Coordinadora de Solidariedade Galega con Palestina anuncia manifestación nacional o 5 de outubro en Compostela
Representantes da Coordinadora de Solidariedade Galega con Palestina compareceron esta mañá en rolda de prensa para anunciar a convocatoria dunha manifestación nacional o vindeiro día 5 de outubro, con saída ás 12:00 horas da Alameda compostelá, baixo o lema "2 anos de xenocidio e 77 anos de ocupación", coincidindo co segundo ano da barbarie xenocida de Israel en Palestina. Como antesala están convocadas concentracións en 42 localidades galegas para o vindeiro día 22 de setembro.
Segundo explicou Oscar Valadares, de Mar de Lumes, o lema fai referencia ao xenocidio porque foi o que deu orixe á propia Coordinadora como resposta social e popular de solidariedade”. Un xenocidio do que lamentou ter que dar cada vez cifras maiores “de vítimas, destrución, barbarie e inhumanidade, de como a Faixa de Gaza está a ser reducida a un espazo inhabitable, todo co obxectivo de producir o desprazamento forzado da súa poboación”.
Valadares lembrou que ao inicio desta fase do conflito había 2.100.000 habitantes. Poboación que, denunciou, “está a ser movida á forza das súas vivendas, ou directamente asasinada, sometida á fame, que se usa como arma de guerra”.
Con todo incidiu na segunda parte do lema: os 77 anos de ocupación, porque “o problema de Palestina non é só o xenocidio –o problema máis grave e acuciante–, pero se o reducimos só a iso, corremos o risco de pensar que, se se resolve o xenocidio ou se se retira Netanyahu, o problema estaría solucionado”, advertiu.
Por iso explicou que alén de Netanyahu, “o problema é o Estado fabricado de Israel” porque “sen ocupación non pode haber xenocidio, da mesma maneira que sen o apoio sistemático de potencias internacionais, principalmente imperialistas, Israel non sería capaz de manter este nivel de barbarie, destrución e morte”. Un apoio que favoreceu o desmembramento de Palestina e creou a Faixa de Gaza, que cualificou como “o maior campo de concentración da historia, de onde as persoas non poden entrar nin saír”. E concluíu afirmando que “sen a existencia da Faixa de Gaza, produto da ocupación, non habería un xenocidio desta magnitude, e non estaríamos hoxe aquí mobilizados”.
Manifestación nacional
Foi Ánxela Gipini, de Galiza por Palestina, quen informou sobre os pormenores da “gran” manifestación nacional do vindeiro día 5 de outubro en Compostela, para a que adiantou que a organización porá autobuses para pode chegar de todos os puntos de Galicia. Anunciou que xa están impresos máis de 5.000 carteis e 20.000 panfletos para difusión.
Xunto a isto Gipini explicou que se solicitarán sinaturas e adhesións en apoio dun manifesto para exixir o fin do xenocidio, “pero tamén da ocupación ilegal de Palestina e acabar con esta impunidade”.
Pola súa banda Sara Ashour, da Asociación Galaico-Árabe, Jenin agradeceu á sociedade galega tanto a súa participación nas centos de mobilizacións convocadas nestes dous anos, “para dar voz a quen non a ten” como o boicoteo á Volta Ciclista porque “non falamos de deporte nin cultura, senón de humanidade”.