Abeiro Gold teima na persecución sindical despedindo a un traballador que foi candidato pola CIG
A dirección da residencia da terceira idade de Lugo, Abeiro Gold, continúa coa súa política de persecución contra o persoal máis reivindicativo e contra a representación da CIG, despedindo a un traballador que foi candidato da central nas últimas eleccións sindicais. Coincidindo coa celebración do acto de conciliación, este luns desenvolveuse unha concentración diante do SMAC para esixir a súa readmisión.
O acto rematou sen avinza polo que agora a loita pola reincorporación do traballador continuará pola vía xudicial, mais tamén coa mobilización sindical. Así, o próximo xoves 25 de abril, a CIG-Servizos ten convocada unha caravana de automóbiles polas rúas de Lugo.
A dirección de Abeiro Gold, explica Carme Antas, da CIG-Servizos, ten unha "guerra aberta contra a CIG" dende que a central nacionalista sacou maioría absoluta nas eleccións sindicais, "a pesares das manobras da empresa para evitar que obtiveramos representación".
Dende a elección do comité, Abeiro viuse na obriga de recoñecer ao cadro de persoal os dereitos do convenio "que antes incumpría reiteradamente: carteleiras anuais, dar licencias retribuídas como os seis días de asuntos propios, etc., polo que a dirección estalle botando un pulso á CIG por defender as condicións laborais do persoal da residencia", explica.
Persecución ao persoal máis reivindicativo
O pasado ano, Abeiro Gold xa despedira a unha traballadora que, casualmente, foi a única do colectivo de limpadoras que durante unha asemblea defendeu os seus dereitos laborais e denunciou as irregularidades que se dan na residencia. Agora a dirección afonda na persecución sindical botando a este traballador que foi na candidatura da CIG nas eleccións ao comité. Lamentar tamén que, nesta ocasión, ao igual que nas anteriores mobilizacións convocadas para denunciar esta situación, a representación da UGT mantívose á marxe e non apoiou a protesta.
Así as cousas, a central sindical continuará defendendo os dereitos das traballadoras e traballadores desta residencia, que se respecto á liberdade sindical e reclamando a readmisión do compañeiro despedido.