A dirección do Hospital da Mariña evitou comunicar o peche de 38 camas até pasadas as eleccións municipais

Burela - 05 Xun 2023

A CIG-Saúde considera que o peche da planta de Medicina Interna (con 38 camas) durante xullo, agosto e setembro no Hospital da Mariña carece de calquera xustificación técnica posíbel e que tan só obedece a “unha política sanitaria de recortes do Partido Popular que busca o desmantelamento da sanidade pública na nosa comarca”.

O peche comezará o 15 de xuño, bloqueando 8 camas e reducindo o persoal para, a partir do 1 de xullo, proceder ao peche das portas da planta de Medicina Interna perdendo así o hospital a capacidade de ter dispoñíbeis 38 camas para ingresar as e os pacientes que así o requiran.

Dende a federación da CIG afírmase que o peche de camas forma parte do conxunto de políticas que o PP está a pór en práctica para desmantelar o sistema sanitario público “en beneficio do gran capital e da medicina privada situada nas grandes cidades; unha ofensiva recentralizadora que afasta en vez de achegar, a sanidade pública á cidadanía”.

A escusa da falta de profesionais de enfermaría

A dirección do Hospital xustifica o peche destas camas pola falta de persoal de Enfermaría, unha situación xerada pola propia dirección e que a central nacionalista vén denunciando dende 2019. "O persoal de enfermaría, sinalan, 'fuxiu' a outros territorios como Asturias ou Euskadi, en busca dun futuro laboral mellor, onde se lles garante estabilidade”.

A CIG-Saúde leva anos demandándolle á dirección que dignifique a contratación, ofrecendo contratos estábeis cunha carteleira establecida, con dereito a vacacións e a que o persoal estea protexido laboralmente ante unha  enfermidade ou un accidente, demanda que non se atendeu en absoluto.

Pola contra, a dirección de Enfermaría e a directora do distrito sanitario do hospital mariñao, malia as demandas trasladadas, negaron que esta fuxida de profesionais fose por motivos laborais, sinalando que se marchan é por motivos persoais.  “Se non temos o persoal que este centro precisa”, sinalan, “a única responsábel é a dirección do hospital polas políticas de contratación precarias dos últimos anos”.

Consecuencias para as persoas doentes e traballadoras

Este peche de camas terá consecuencias para as persoas doente e suporá o incremento das derivacións ao HULA, ao non existir camas libres no hospital de Burela. Unha práctica que se leva facendo durante os últimos meses "e que está a provocar o malestar das persoas afectadas e familias que se ven obrigadas a desprazamentos innecesarios por mor dunha mala planificación da dirección nun hospital que acaba de ser ampliado”.

Estas medidas tamén provocan un incremento das listas de espera fomentando a derivación de doentes á sanidade privada para cumprir a Lei de Garantías. “A lei di que as e os doentes teñen que ser atendidos en 60 días para intervencións cirúrxicas e en 45 para consultas ou probas diagnósticas. A imposibilidade de cumprir eses tempos na sanidade pública favorecerá a súa derivación á privada, que é onde serán atendidas”.

Pero o peche de camas tamén terá consecuencias para as/os profesionais que serán desprazadas a outros servizos e unidades. "Os calendarios laborais que tiñan asignados decaen, tirando pola borda toda a planificación que tiñan feita para a súa vida persoal durante os meses de xullo, agosto e setembro, provocando entre as traballadoras cabreo, indignación e un incremento do desexo de abandonar o Hospital da Mariña. Posiblemente, froito de estas políticas, para o ano que ven, teñamos menos persoal de enfermaría”, explican.

No verán tamén se enferma

A CIG-Saúde sostén que durante o período estival non pode diminuír a actividade asistencial porque “as poboacións das zonas de costa, como mínimo, se duplican nesa época e os pobos do interior da comarca tamén se enchen cos centos de persoas que veñen de fóra”. Argumenta, ademais, que as persoas “tamén enfermamos no verán”.

“Pechar camas e diminuír a actividade non é nin de lonxe unha boa xestión, simplemente é unha medida que só busca o aforro económico e que vai privar de asistencia sanitaria de calidade durante o verán aos mariñaos e mariñás”, finalizan.