A empresa adxudicataria do SAF de Castroverde comunica que non pagará os salarios de maio e o Concello desenténdese da situación

As traballadoras reclaman a implicación do alcalde e non descatar iniciar mobilizacións
Castroverde - 18 Xun 2021

A CIG-Servizos quere denunciar a situación na que se atopan as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Castroverde ás que Asistencia Castroverde (empresa adxudicataria) lles comunicou a imposibilidade de afrontar o pago das nóminas por falta de liquidez. A día de hoxe, as máis de 30 traballadoras teñen pendente de cobrar o salario de maio e descoñecen cal será o futuro do servizo, tendo en conta que a nova concesionaria (que debería entrar o 1 de xullo) xa amosou intención de renunciar ao contrato se tiña que facerse cargo das débedas da anterior empresa.

Cómpre subliñar que os atrasos no pago das nóminas véñense producindo dende hai meses, pero nesta ocasión a empresa informou da "situación económica insostíbel", que lle resulta imposíbel abonar os salarios e que xa solicitou a entrada voluntaria en concurso de acredores. Porén, Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, sinala que o Concello está pagando puntualmente polo servizo e que eses cartos teñen que ser destinados a abonar os soldos das traballadoras. "A empresa non os pode desvíar para facer fronte a outros gastos ou débedas que teña", subliña.

Lembra que Asistencia Castroverde prestaba o SAF tamén noutros concellos da contorna, pero foi perdendo os contratos polos atrasos e os poblemas continuados no pago das nóminas ao persoal.

O Concello ten que intervir

Diante desta situación, Paz reclama a implicación do Goberno municipal para que inste a empresa a cumprir coas súa obrigas, "pois estamos falando de cartos públicos que se destinan á prestación dun servizo público básico par moitas persoas e do que o Concello é titular". Neste senso, critica a actitude pasiva do alcalde quen, nunha reunión coas traballadoras, escusou as súas responsabiliades alegando que o Concello xa lle pagara á empresa.

De igual xeito, a CIG demanda do Goberno local que intereveña de inmediato para aclarar o futuro do SAF e que previsión ten para garantir os empregos e a prestación do servizo ás persoas usurias, se finalmente a nova concesionaria renuncia ao contrato. Hai que lembrar que estas traballadoras formaban parte do cadro de persoal do Concello até que o servizo de axuda no fogar foi externalizado.

Así as cousas, de non darse solucións nos próximos días, as traballadoras non descartan iniciar mobilizacións diante do Concello de Castroverde polo cobro dos salarios, na defensa dos empregos e por unha asisentencia de calidade.