A EPA do IIIT confirma a forte caída do emprego en Industria e Construción no último ano

Aumentan os contratos temporais e a tempo parcial, polo tanto, o emprego peor pagado

Nacional -

Os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre confirman a forte caída do emprego na Industria e na Construción. “Perdemos exactamente 8.800 postos de traballo no Interanual, un 4,9%, o que demostra a crise industrial que sofre Galiza e que a Construción no se dá recuperado. Estamos falando de sectores especialmente importantes porque son os que garanten mellores condicións laborais e salariais reguladas pola negociación colectiva”.

Así o afirma o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria, Francisco González Sío, quen explica que, no caso da Construción o problema é que non teñen xente para contratar porque, tras da crise de 2008, “a xente escapou para outros sectores”.

A situación é, porén, máis grave no caso da Industria. Neste sentido Sío denuncia que “a Xunta ten abandonados os sectores produtivos” e exixe do Goberno de Feixó a “inmediata posta en marcha dun Plan Galego de Recuperación” que enfronte esta situación. Un Plan Industria que “permita revitalizar o tecido industrial que, de Norte a Sur, se está desmantelando en Galiza”.

O secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria sinala que tamén baixou a ocupación na Agricultura, onde tampouco teñen xente para contratar, neste caso polas precarias condicións laborais que hai, mais tamén pola aposta do Goberno Feixó polo monocultivo do eucalipto, que está expulsando á xente nova do rural. Unha situación diante da que demanda un plan urxente que, fronte o actual modelo, permita recuperar un rural produtivo, vivo e onde se garantan condicións de vida dignas.

Aumenta en 25.000 persoas en Servizos e baixa 4.500 en Educación

Con todo González Sío salienta que “no sector máis precario, onde están as peores condicións laborais, que é o sector Servizos, é precisamente onde aumenta a ocupación”. E contrapón este dato coa perda de 4.500 empregos en Educación neste trimestre, que explica “pola fin do ano lectivo e a volta aos recortes na Educación”.

González Sío denuncia a aposta da Xunta de Galiza polo Camiño de Santiago e o sector Servizos como alternativa económica e laboral. “Está facendo que actividades como poden ser a hostalería ou a restauración, con empregos máis precarios e estacionais, aumenten”. Advirte que isto “está levando a Galiza a unha situación económica e laboral moi delicada e abocando a poboación a vivir nunha situación de precariedade constante”.

Nese sentido alerta de que a taxa de temporalidade, aumentou 2 puntos, pasando do 24,18 ao 26,03 neste trimestre – hai 234.000 persoas con contratos temporais en Galiza- e do incremento nun 10,4% (14.000 persoas máis) dos contratos a tempo parcial, con salarios aínda máis baixos. Incide ademais en que, en termos absolutos, a temporalidade subiu máis dun 8%, mentres que os contratos fixos apenas o fixeron nun 0,8%.

Estes datos poñen de manifesto, para González Sío, a crítica situación do emprego en Galiza e a imperiosa necesidade de que se derroguen as reformas laborais. Unha demanda á que engade a dun “marco propio de negociación colectiva que faga cambiar estas dinámicas e que se apliquen unhas subas salariais atendendo o que marca a Carta Social Europea, 60% do SMI, para as actividades que agora non son atractivas ou que non son capaces de contratar xente para que volva traballar nelas, como en tempos pasados”.

Volver