Servicarne, obrigada a aplicarlle o réxime xeral da Seguridade Social a 5000 empregados no Estado

A resolución afectará a 1000 traballadores/as galegos/as e chega tras as denuncias da CIG
Vigo - 15 Mar 2018

Nunha decisión sen precedentes, a Dirección Especial da Inspección de Traballo, con sede en Madrid, vén de comunicarlle á falsa cooperativa catalá Servicarne que ten que proceder a dar de alta no réxime xeral da Seguridade Social aos arredor de 5000 traballadores/as que ten no conxunto do Estado español. A resolución, que afectará a máis de 1000 empregados/as galegos/as, chega tras o cento de reclamacións individuais tramitadas pola CIG diante da autoridade laboral dende 2016 e da denuncia por fraude na contratación presentada pola central nos Xulgados.

Esta decisión obrigará as empresas ás que Servicarne lles cede traballadores/as a ter que incorporalos/as ao seus cadros de persoal como empregados/as propios/as, tal e o caso de Frigolouro -do grupo Coren-, á que a Inspección de Traballo de Pontevedra xa lle comunicou que ten que facelo antes do vindeiro mes de novembro. Deste xeito, os 250 falsos/as autónomos/as dependentes de Servicarne que desenvolven o seu labor na compañía do Porriño deberán pasar a formar parte do cadro de persoal cos mesmos dereitos que o resto de traballadores/as.

É de agardar que a autoridade laboral das outras dúas provincias (Ourense e Lugo) comunique proximamente a decisión ao resto de empresas usuarias do persoal da falsa cooperativa, que no caso galego se circunscribe practicamente á cooperativa ourensá Coren, xa que conta nas súas instalacións con preto dun milleiro de traballadores/as de Servicarne (contando o que traballa para Frigolouro). Na provincia de Lugo operan outras firmas, pero con menos cadro de persoal, como é o caso do Grupo Sada, dedicada á produción avícola. 

Os traballadores/as afectados/as poderán reclamar a devolución das cotas de autónomos/as abonadas dende hai catro anos

A partir de entón todos/as os afectados/as poderán reclamar con efectos retroactivos as cotas de autónomos/as que tiveron que abonar dende hai catro anos. A CIG iniciará en breve a presentación das demandas individuais de cada cooperativista que queira facelo. De feito, moitos/as deles/as xa comunicaron a súa intención de reclamar nas concorridas asembleas celebradas pola CIG en Lugo, Ourense e no Porriño para informar da resolución.

Ao mesmo tempo, a resolución da Dirección Especial da autoridade laboral -que coordinou a todas as Inspeccións de Traballo das provincias españolas con presenza de Servicarne- contempla a descualificación administrativa da falsa cooperativa. Tamén é moi probábel que sexa sancionada por fraude na contratación.

Fraude na contratación

Os responsábeis da FGAMT-CIG de Vigo que hoxe compareceron en rolda de prensa xunto a dous delegados sindicais da central en Frigolouro para valorar a decisión da autoridade laboral consideran máis que probábel que as empresas afectadas presenten recursos nos Xulgados contra a resolución, polo que auguran un proceso longo que seguramente chegará até o Tribunal Supremo. Con todo, entenden que “logrouse o paso máis importante” e confían en que dunha vez por todas “se remate coa escravitude 2.0 que padece o persoal de Servicarne”. 

O mérito é de todas as persoas que tiveron a valentía de denunciar e de participar nas protestas

O secretario comarcal da federación, Suso García, sinalou a responsabilidade do Goberno central e da Xunta por permitir esta situación e a complicidade de CCOO e UGT, “que miran cara a outro lado, cando non se posicionan coas empresas, como sucedeu no caso das mobilizacións de Frigolouro cando lle pediron ao persoal que abandonase as protestas tras a ameaza da empresa de que non ían pagar as nóminas”. Ademais, lembrou que as centrais estatais -“que agora, sobre todo unha delas, están a intentar anotarse o tanto”- nunca se preocuparon por regular a contratación de persoal nos convenios do sector.

Neste senso, quixo deixar moi claro que o mérito é unicamente do éxito das mobilizacións desenvolvidas polos/as traballadores/as, que contaron co apoio e co asesoramento xurídico da CIG. En especial citou “ao cento de valentes” que se decidiron a denunciar diante da Inspección de Traballo e “a todos/as aqueles que participaron nas numerosas protestas convocadas en Frigolouro, en Coren, na Xunta en Vigo e na Subdelegación do Goberno en Ourense”.