A falta de persoal médico en PAC e centros de saúde colapsa as urxencias hospitalarias de Vigo e Pontevedra

A CIG-Saúde denuncia a derivación de pacientes a centros privados
Vigo/Pontevedra - 14 Dec 2022

As federacións de Saúde da CIG de Vigo e de Pontevedra veñen de alertar que a falta de persoal médico nos Puntos de Atención Continuada (PAC) e nos centros de saúde está a provocar o colapso dos servizos de urxencias hospitalarias. Dende a central denuncian que neste contexto o Sergas opta por derivar pacientes a centros sanitarios privados no canto de reforzar o sistema público.

A saturación experimentada polos servizos de urxencias fíxose visíbel nos últimos días nas áreas sanitarias viguesa e pontevedresa, con ducias de doentes pendentes de cama, moitos/as deles/as acumulados/as nos corredores. De feito, no caso do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, o aumento das necesidades de camas levou a desdobrar as habitacións en varias plantas. En Pontevedra optouse por trasladar pacientes ao hospital do Salnés e a centros privados, igual que no caso de Vigo.

Mais este aumento de carga asistencial non se traduciu nun aumento de persoal, tendo que atender unha única enfermeira a 20 doentes no Álvaro Cunqueiro. Esta acumulación de pacientes nos corredores supón, ademais dun aumento de carga de traballo para o persoal, unha situación de inseguridade na asistencia. “Isto, a maiores de evidenciar falta de recursos e de previsión, tradúcese nunha atención precaria das persoas enfermas”, sinalan dende a CIG-Saúde de Vigo.

Situación insoportábel para o persoal

Dende a CIG-Saúde de Pontevedra sosteñen que a situación durante a fin de semana foi insoportábel para os traballadores/as, que se viron superados/as pola situación, e que a atención sanitaria non foi a desexada. “O estrés palpábase nada máis achegarse a urxencias: non había padiolas, nin cadeiras, nin sequera espazo onde colocar os pacientes”.

Neste contexto, o Sergas optou por realizar traslados de doentes a centros privados en lugar de reforzar o sistema público, no caso de Pontevedra mesmo utilizando o 061 para os traslados. Por iso a central demanda que se reforcen as unidades afectadas e que se informe da situación aos representantes dos traballadores/as. “Preocúpanos a derivación de pacientes a centros privados cando hai centros sanitarios públicos que poderían asumir a asistencia”.