A falta dun sistema de desinfección en Cangas obriga o 061 a mobilizar ambulancias dende outros municipios

A ausencia de vehículos fixo que houbese que poñer en espera demandas de asistencia urxente

O Morrazo - Cangas -

A FGAMT-CIG denuncia que a decisión da empresa concesionaria do 061 Ambulancias do Atlántico-Grupo Orthem de retirar o sistema de desinfección covid en Cangas provocou no día de onte a mobilización de dúas ambulancias dende Vigo e outra dende Bueu, e obrigou a poñer en espera demandas de asistencia sanitaria urxente.

Segundo a información á que tivo acceso esta central sindical, a ambulancia do 061 con base en Cangas tivo que dirixirse a Vigo a realizar as tarefas de desinfección necesarias tras rematar a asistencia a un paciente covid en Cangas. En consecuencia, o vehículo ficou inoperativo para atender emerxencias durante o tempo que se necesitou para trasladalo a Vigo, realizar a desinfección e volver a Cangas a atender unha nova urxencia. En total, máis de hora e media.

Durante este período o 061 viuse obrigado a mobilizar recursos dende outras zonas limítrofes, deixando estas desatendidas e atrasando a chegada das ambulancias ao lugar da emerxencia. Tan só a sorte fixo que nunha das emerxencias, que se trataba dun incendio urbano, non houbese que lamentar vítimas. “O empeño da empresa en non repoñer o sistema de desinfección en Cangas -pese a que ten un custo inferior a 75 euros- para castigar os profesionais sanitarios da localidade pola súa actitude reivindicativa vai provocar unha desgraza en calquera momento”, sinalan dende a federación de Transportes da CIG. 

O empeño da empresa en non repoñer o sistema de desinfección para castigar os profesionais sanitarios pola súa actitude reivindicativa vai provocar unha desgraza en calquera momento

O acontecido onte vén a desmentir as declaracións de fontes próximas á empresa concesionaria que apuntan a que non está permitido trasladar a ningún/ha paciente con sospeita ou confirmación covid ao Centro de Saúde de Cangas, sendo supostamente obrigatorio trasladalos/as a hospitais de Vigo, onde se podería realizar posteriormente a desinfección.

Os propios profesionais do 061 aseguran que esta afirmación é rotundamente falsa, posto que non existe ningunha instrución que indique a obriga de trasladar os pacientes sempre ao hospital. “Os pacientes son atendidos in situ e trasladados posteriormente ao centro sanitario que mellor conveña tras recibir indicacións do persoal médico”, aseguran os profesionais sanitarios do 061 consultados.

Sen embargo, este non foi o único caso no que a falta dun sistema de desinfección covid en Cangas provocou a inoperatividade do servizo do 061. A semana pasada a ambulancia de Cangas viuse obrigada a trasladar un paciente covid ao hospital Montecelo, tendo que dirixirse inoperativa ás instalacións de Vigo para realizar a desinfección, e posteriormente a Cangas, en lugar de dirixirse directamente á súa base.

Cabe destacar que estes feitos coinciden co pico máis alto de contaxios no Morrazo e co maior número de mortes por covid rexistrados en Galiza. Pese a isto, a empresa Ambulancias do Atlántico, que tan só conta con tres sistemas de desinfección para 10 ambulancias nas súas instalacións de Sárdoma, en Vigo, segue a manter a versión de que lles comunicou por escrito aos traballadores/as que a máquina coa que se complementan as tarefas de desinfección segue estragada e pendente de reparar dende o 16 de novembro do ano pasado.

O persoal continúa realoxado nun hotel

Por outra banda, os traballadores/as do 061 de Cangas continúan nun apartamento ás aforas da localidade tras o desbordamento de augas fecais nas instalacións do seu centro de traballo o 27 de xaneiro. Transcorrido medio mes a empresa concesionaria do servizo non foi quen de restablecer a normalidade, que consiste fundamentalmente na adquisición de novo mobiliario e na limpeza das instalacións.

Así mesmo, a dirección de Ambulancias do Atlántico continúa coa súa negativa a facilitar información aos representantes sindicais das xestións realizadas ou de cando se retomará o servizo nas instalacións da empresa. Por este motivo o persoal sanitario continuará nun apartamento “sine die”.

Tal e como sosteñen dende a CIG, un hotel non é unha instalación sanitaria debidamente acondicionada para prestar un servizo de emerxencias sanitarias. Por este motivo, o persoal ten que estar constantemente indo e vindo dende o terceiro andar do hotel até a súa base cada vez que necesita abastecerse de material ou realizar tarefas de limpeza. “Isto inflúe no tempo de activación da ambulancia”, explica o representante sindical do 061 en Cangas.

A CIG interpuxo a principios de mes unha denuncia perante a Inspección de Traballo solicitando a súa intervención e instándolle a que obrigue a empresa a subsanar as graves deficiencias e a responder aos requirimentos e solicitudes desta central sindical. a empresa Ambulancias do Atlántico, concesionaria do 061, acumula unha vintena de denuncias en diferentes organismos e xa recibiu dúas sancións da Inspección de Traballo por vulnerar os dereitos dos traballadores/as e dos representantes sindicais.

Volver