A FGAMT denuncia que o helicóptero do servizo de gardacostas 'Pesca 2' está inoperativo desde o 24 de outubro

O dispositivo, dependente da Xunta de Galiza, ten base en Viveiro
Nacional - 31 Out 2019

A FGAMT-CIG vén de denunciar que o helicóptero do servizo de Gardacostas de Galiza “Pesca 2”, con base en Viveiro, se atopa fóra de servizo por avaría desde o día 24 de outubro. Para a FGAMT resulta gravísimo que o helicóptero que ten como misión o servizo de garcostas, inspección pesqueira e busca e salvamento na costa da mariña lucense e parte da Coruña se atope inoperativo, "pois isto supón un enorme problema de seguridade no mar".

No caso de ocorrer unha emerxencia que precisase da súa intervención, esta zona, así como gran parte do interior de Galiza, "estarían sen recursos para lles facer fronte", advirte Francisco Cartelle.

A FGAMT-CIG pregúntase se non contar con este recurso é o que o Goberno da Xunta de Galiza entende por garantir a seguridade dos mariñeiros e das mariñeiras ou se este é o xeito de garantir a seguridade da nosa flota. "Unha vez máis, fica demostrada a enorme precarización que se produce ao privatizar servizos, neste caso dos máis básicos como son os que teñen por obxectivo manter a seguridade das persoas", subliña.

Helicópteros vendidoas á empresa adxudicataria

Hai que lembrar que os helicópteros Pesca 1 (con base en Vigo) e Pesca 2 (con base en Viveiro) foron vendidos pola Xunta á empresa concesionaria do servizo (Babcock MCS España), supostamente por quedárense xa obsoletos. Curiosamente estes aparellos son os que agora seguen a prestar o servizo polo que a Xunta paga un arrendamento á empresa adxudicataria.

A dotación de persoal do servizo de helicóptero está composto, entre pilotos, mecánicos e rescatadores, por unhas 40 persoas.