A inacción da Xerencia leva a solicitar a paralización da actividade na UCI de Adultos do Clínico ao detectarse un risco importante

CIG-Saúde Compostela presenta denuncia na Inspección ante o cumprimento da normativa
Santiago - 15 Xan 2021

A "nefasta xestión e a falta de actuación" da Xerencia da área sanitaria de Santiago-Barbanza para resolver as problemáticas que afectan á UCI de Adultos do Hospital Clínico levan a CIG-Saúde de Compostela a ter que presentar denuncia na Inspección de Traballo "solicitando a paralización inmediata da actividade nesta unidade con persoas enfermas de Covid-19 mentres non se garanta a seguridade de profesionais e doentes".

A denuncia faise despois de que na avaliación realizada a principios de decembro se detectara na UCI-A un risco importante na exposición á Covid-19, o que segundo os protocolos obriga a Xerencia a realizar unha planificación preventiva e adoptar de maneira inmediata unha serie de medidas para controlar e reducir estes ricos, tales como contar con box pechados individuais cunhas dimensións adecuadas para a atención a doentes críticos; prever as necesidades de equipamento; adecuar o número de box á presión asistencial; ou dotarse dos medios humanos e materiais que sexan precisos.

"Pero neste momento, e a pesar do contundente resultado da avaliación de riscos, de que as traballadoras e traballadores da UCI-A levan nove semanas en folga para esixir unhas condicións dignas e dos gromos que se están producindo, a realidade é que a Xerencia continúa sen corrixir as deficiencias e sen aplicar as medidas preventivas para minimizar as posibilidades de contaxio e protexer a saúde do persoal sanitario e dos doentes", denuncian dende CIG-Saúde de Compostela.

Neste senso, subliñan que chegar ao punto de ter que solicitar a paralización da actividade na UCI-A (unidade de referencia para as persoas enfermas de Covid-19) polo riscos que existen "é unha mostra máis da ineptitude desta Xerencia, da súa irresponsabilidade e da súa absoluta desidia á hora de implementar as medidas necesarias, malia estarmos xa en plena terceira vaga de contaxios".

Lembran que o persoal leva meses reclamando que se acometan as reformas comprometidas para resolver as deficiencias estruturais desta unidade e demandando medidas organizativas e preventivas que permitan traballar e recibir atención sanitaria en condicións de seguridade, "sen que até o momento se fixera unha soa actuación neste sentido. O desleixo é tal que a Xerencia nin sequera atende as reivindicacións para a renovación do material deteriorado ou en mal estado nin as referidas á falta de material funxible para os distintos aparellos".

 Para a CIG-Saúde de Compostela resulta "inconcibíbel" que, no medio dunha pandemia mundial, haxa que acudir á Inspección de Traballo para pedir a paralización da actividade desta UCI. "Pero diante de semellante desidia, a CIG-Saúde de Compostela vese na obriga de ter que formular esta denuncia esperando que ante os requirimentos da autoridade laboral a Xerencia, por fin, asuma as súas responsabilidades e cumpra coa normativa de prevención".