A Inspección de Traballo abre expediente sancionador a GFS Security por impago reiterado dos salarios
A dirección provincial da Inspección de Traballo abriu expediente sancionador á empresa de seguridade GFS Security Group por impago reiterado dos salarios ao seu persoal e por obstrución á función inspectora. A compañía tiña de prazo até o 13 de febreiro para acreditar o pago da débeda a todo o seu persoal na provincia da Coruña, mais chegada esa data, GFS non abonou as contías e negouse a colaborar coa Inspección de Traballo ao non acudir ás citacións cando foi requirida, sen achegar ningunha da documentación solicitada e impedindo e obstaculizando as funcións investigadoras abertas polo organismo.
De feito, explica Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol, dende a comunicación do requirimento da ITSS o 16 de xaneiro até o 13 deste mes, a empresa dedicouse a realizar abonos parciais dos salarios adebedados do mes de setembro a algúns traballadores vinculados aos servizos que se prestan a empresas do Grupo Tojeiro, pero restándolle a cada empregado/a entre 200 e 300 euros dos importes totais.
Por todo isto, a Inspección iniciou apertura dun expediente sancionador pola comisión dunha falta moi grave e no seu grao máximo (que leva aparellada unha sanción económica de entre 120.000 e 225.000 euros), pola falta de pago reiterado dos salarios dos traballadores e traballadoras, engadíndose como agravante unha nova infracción por obstrución á función inspectora levada a cabo polo persoal da Inspección de Traballo da Coruña.
Incumprimentos dende o primeiro día
Cómpre lembrar que GFS Security presta servizos de seguridade privada dende o 1 de outubro de 2022 a diversas empresas na provincia da Coruña do Grupo Tojeiro (Reganosa, Forestal del Atlántico, Gadisa, Intasa, Unemsa e Galparket), aos centros de MRW en Ledoño, á planta de Vertex Bioetanol en Teixeiro ou aos polígonos industriais de Bergondo, Alvedro e o Espírito Santo.
Estes servizos foron cedidos pola anterior concesionaria, Prosectinisa, que entrou en quebra económica deixando unha débeda co seu persoal de preto de 250.000 euros, soamente na provincia da Coruña. Cando saíu, Prosetecnisa tiña pendente de abonar os salarios de setembro e as correspondentes liquidacións a preto de 100 traballadores e traballadoras. O cambio non resolver os problemas laborais, xa que unha vez dentro do servizo, GFS seguiu os pasos das dúas compañías que a precederon, Prosetecnisa e Segur Ibérica, quebradas debido á puníbel e temeraria xestión dos seus administradores e delegados.
Outras frontes xudiciais abertas
Alén dos incumprimentos laborais, GFS Security mantén abertas varias frontes administrativas e xudiciais, e está sendo investigada de oficio pola Fiscalía de Alzira por unha presunta falsificación documental en diversas certificacións, supostamente levada a cabo para poder acceder aos contratos de seguridade cos múltiples clientes que tiña Prosetecnisa a nivel estatal. O proceso abriuse despois dunha denuncia presentada na Fiscalía de Ferrol pola representación do persoal da CIG no comité de Prosetecnisa na provincia da Coruña. En represalia, GFS despediu de inmediato e sen ningunha posibilidade de defensa, un dos delegados de persoal pola CIG e suspendeu de emprego a outros dous compañeiros.
A isto súmase unha nova denuncia presentada pola CIG-Servizos polo atraso no pago dos salarios de xaneiro, que foron abonados entre o 6 e o 8 de febreiro, cando o convenio sectorial de aplicación estabelece que terá que facerse dentro dos tres primeiros días de cada mes. Para Rodríguez esta demora constitúe "un sinal evidente dos problemas económicos aos que se estaría a afrontar esta empresa, quen xa tiña enriba da mesa unha débeda herdada pola cesión de clientes con Prosetecnisa, á que se lle acabaría de engadir o expediente sancionador aberto pola Inspección de Traballo, chegando a ter que asumir unhas cantidades entre sancións e pagos de salarios próxima ós 500.000 euros".
Repsonsabilidade das empresas que contratan os servizos
A este respecto, lanza un chamado á responsabilidade das empresas que contratan os seus servizos con GFS -e compañías piratas similares-, para que lle rescindan os contratos e aposten por unha prestación do servizo de seguridade privada responsábel, "evitando unha nova situación como a xerada por Prosetecnisa en 2022 ou Segur Ibérica en 2016, ao quebrar ambas as dúas empresas e deixar múltiples débedas a todo o persoal, que aínda están a espera de recibir estas cantidades".