A Inspección inicia expediente sancionador por infracción grave contra o Concello da Coruña por non ter plan de igualdade

Tras a denuncia presentada pola sección sindical da CIG
A Coruña - 13 Out 2021

A Sección Sindical da CIG do Concello da Coruña vén de ter coñecemento, a través dunha resolución notificada pola Inspección provincial de Traballo, do inicio dun expediente sancionador pola comisión dunha infracción laboral grave ao Concello da Coruña, por mor do plan de igualdade.

O pasado 29 de xaneiro, a CIG puxo en coñecemento da Inspección de Traballo a ausencia dun plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no Concello da Coruña, así como a falta de accións orientadas á consecución das medidas definidas polo plan anterior (cuxa vixencia rematou no segundo semestre de 2019). De feito, no escrito da resolución recóllese que o 74% das accións a adoptar en aplicación do plan de igualdade non foron executadas ou non se fixo un seguimento que acredite o seu cumprimento efectivo.

Hai que lembrar que toda administración pública, na súa condición de empregadora, está obrigada a negociar un plan de igualdade para o seu persoal. E para a Sección Sindical da CIG poder establecer medidas, adoptadas despois de realizar o diagnóstico de situación, tendentes a alcanzar no ámbito municipal a igualdade de trato e de oportunidades e a eliminar posíbeis discriminacións por razón de sexo, debe ser un ámbito de acción prioritario, e así se lle trasladou ao actual goberno dende practicamente o comezo do seu mandato.

Ningunha vontade negociadora

Porén, durante todo este tempo, "non se apreciou ningunha vontade por parte do goberno de iniciar medidas de negociación e elaboración dun novo plan de igualdade", polo que diante desta inacción, a CIG viuse na obriga de acudir á autoridade laboral competente e poñer en coñecemento a gravidade destes feitos.

Para a representación da CIG, o inicio desta medida sancionadora constata "o que xa viñamos denunciando: que o goberno da Concello da Coruña non ten como prioridade a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes".

Por iso, instan a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a que amose "non xa unha conciencia feminista, tal e como promulgou no seu discurso de investidura, senón un compromiso claro e firme no cumprimento da legalidade vixente en materia de igualdade e en materia laboral".