Mediación fixa tres reunións para abordar flexibilidade, subida salarial e novas categorías en Pescanova

A CIG, CUT, UGT e USO, que vetaron a presenza de CCOO, comprométense a desconvocar a folga indefinida durante as negociacións
Nacional - 24 Mar 2017

A Inspección de Traballo, que esta tarde iniciou a mediación no conflito laboral de Pescanova a instancias da Xunta, fixou tres xuntanzas entre a CIG, CUT, UGT e USO e a dirección -CCOO participa nunha mesa de negociación distinta tras o veto dos outros sindicatos “polo seu comportamento desleal”- para abordar o que até o de agora impediu un acordo sobre os convenios: incremento salarial, a flexibilidade e as novas categorías laborais de entrada na empresa.

As catro centrais maioritarias en Pescanova comprometéronse a desconvocar a folga indefinida prevista para o 4 de abril despois de que a mediación laboral, que convocou as partes a primeira hora desta mañá tras a intervención da Consellaría de Traballo, fixase tres xuntanzas para os vindeiros días 29, 30 e 31. Nelas abordaranse as tres cuestións que até o de agora impediron un acordo sobre os convenios: incremento salarial, a flexibilidade e as novas categorías laborais de entrada na empresa.

A medida foi adoptada na reunión celebrada esta tarde no hotel Ciudad de Vigo, unha vez conformadas as mesas de negociación pola mañá. A CIG, CUT, UGT e USO vetaron a presenza de CCOO na mesa despois de que este sindicato rompese a unidade sindical “coa súa actitude desleal co resto de organizacións”. Tras máis de tres horas de negociacións, a autoridade laboral accedeu a conformar dúas mesas: nunha estará representada a maioría sindical e noutra CCOO.

Esta mesma composición repetirase nesas tres próximas xuntanzas, nas que tamén participará a autoridade laboral. As centrais maioritarias xa adiantaron que proporán a convocatoria dunha nova folga indefinida no caso de que as negociacións rematen sen acordo. A medida será debatida este sábado na asemblea de traballadores/as que terá lugar no multiusos de Chapela ás 10.00 horas.