A nova xornada de folga no comercio de alimentación da Coruña deixa tendas en mínimos e almacéns sen actividade

A resposta masiva do persoal á convocatoria -que se prolongará até o domingo- chega tras as insuficientes propostas da patronal durante a mediación
A Coruña/Ferrol/Compostela - 24 Xul 2026

A quinta xornada de folga no comercio de alimentación volve deixar un regueiro de tendas pechadas e supermercados a medio gas por toda a provincia da Coruña e as plataformas loxísticas sen actividade. Este seguimento masivo da folga e a importante participación nos piquetes e mobilizacións son a resposta que o persoal do sector lle dá ao inmobilismo de Gadis e Froiz, que pretenden manter as traballadoras e os traballadores condenados á precariedade salarial e laboral.

Esta nova xornada de folga, que continuará mañá sábado e o domingo 26 de xullo, desenvólvese tras o fracaso da mediación solicitada pola patronal, que se pechou no día de onte sen ningún tipo de acordo porque apenas houbo movementos e as propostas trasladadas polo empresariado continuaron a ser insuficientes.

"O que ofrecen Gadis e Froiz - que controlan o convenio provincial- non é o que necesitan as persoas traballadoras deste sector. O persoal quere mellores salarios, mellores horarios e que se lle recompense a antigüidade", crítica Roberto Pérez, representante da CIG na mesa de negociación.

Rexeita que nas reunións da mediación celebradas esta semana a patronal "non quixera entrar a negociar os puntos principais e mesmo intentara facer unha xogada, explicando de maneira confusa un concepto para enganarnos".

Pérez incide en que aínda que a mediación rematou sen acordo, a mesa do convenio segue aberta e as negociacións non están rotas por ningunha das partes. “Nós queremos seguir negociando e é neste marco onde consideramos que se poden conseguir avances nos dereitos. Pero tócalle á patronal mover ficha”, asevera.

Neste contexto, a folga está a ser un éxito malia as tentativas das empresas de minimizar o seu impacto entre a clientela e no caso de Gadis dando incluso a orde de manter as tendas abertas "aínda que sexa só con dúas persoas eventuais".

As mobilizacións continuarán até acadar un convenio digno

O representante da CIG xa adiantou que, de non producírense avances que permitan chegar a un acordo e pechar o conflito, as mobilizacións continuarán no mes de agosto porque o persoal non está disposto a renunciar a un convenio que recolla auténticas melloras salariais, unha rebaixa da xornada, máis fins de semana de calidade, unha compensación adecuada do traballo obrigatorio nos domingos ou a compensación xusta da antigüidade.

De igual xeito, valora que estratexias como a demanda presentada por Gadis contra os sindicatos e o comité de folga reclamándolles máis de 1,2 millóns de euros polo que deixou de gañar nas folgas anteriores "non van amedrentarnos", nin van evitar que a loita prosiga até lograr un convenio digno.