A patronal das consultoras paraliza as reunións da mesa negociadora do convenio colectivo

A CIG TIC rexeita a súa actitude e reclama que volvan sentar de inmediato
Nacional - 22 Abr 2022

A CIG TIC, como parte negociadora do XVIII Convenio colectivo estatal de empresas de consultoría e estudos de mercado e da opinión pública, vén de recibir unha comunicación da patronal de consultorías, a AEC, no que indica que aprazan temporalmente a asistencia ás reunións negociadoras da mesa do convenio.

A reacción da parte sindical foi a indignación ante a reiteración destas "non propostas", como se indicou desde a representación da CIG, que calificou como “decepcionantes e vergoñentas estas non propostas, despois de dous anos de pandemia con beneficios récords, ás portas de recibir a patronal un feixe de cartos co traspaso dos fondos Next Generation europeos, por exemplo”.

A CIG TIC expresou na mesa que esta proposta, absolutamente lesiva para a clase traballadora galega, cunha xornada laboral indecente, cun teletraballo sen regular aínda que, de feito, está alongando as xornadas diarias, na que hai temas que historicamente non se regularon e non están a terse en conta -como as gardas, quendas ou o traballo nocturno-, na que o teletraballo, do que levan máis de dous anos moitos e moitas das traballadoras sen compensar, reforza na necesidade dun convenio TIC galego, actualizado, que teña en conta as novas formas de traballo, máis xusto e máis achegado á realidade da clase traballadora galega.

Por iso a CIG TIC considera que a patronal debe deixar de practicar a negociación de mala fe que vén realizando, cunha dilación indebida do convenio, e realizar propostas reais que leven a lograr un convenio digno para o sector. “A actitude da patronal, que reacciona desta maneira ante mobilizacións lexítimas da clase traballadora, é rexeitable desde todo punto de vista, e a nós, como sindicato, dános máis motivos para reafirmarnos na necesidade de mobilizar ao sector”.