• Nova

A plataforma 'Galiza pola Paz' convoca mobilizacións nas sete cidades o domingo 20 de marzo

Aposta pola vía diplomática para resolver o conflito
Nacional - 14 Mar 2022

O escritor Suso de Toro compareceu esta mañá en rolda de prensa, acompañado de representantes das máis de 30 organizacións e colectivos, entre eles a CIG, que conforman a plataforma 'Galiza pola Paz', unha resposta galega ante o conflito bélico que se está a dar na Ucraína. A plataforma anunciou ademais a convocatoria de mobilizacións simultáneas, ás 12:00 horas, nas sete cidades para o vindeiro domingo día 20 de marzo.

Mobilizacións

A Coruña: Subdelegación do Goberno

Compostela: Praza do Toural

Ferrol: Praza de Armas

Lugo: Praza Maior

Ourense: Subdelegación do Goberno

Pontevedra: Praza da Peregrina

Vigo: Farola de Urzáiz

Suso de Toro iniciou a súa intervención reiterando, en nome da plataforma, o máis enérxico rexeitamento á intervención militar rusa en territorio ucraíno, e reclamando a retirada inmediata das tropas rusas. Expresou ademais a plena solidariedade co sufrimento do pobo ucraíno e o de Donestk e Lugansk, e cos xa millóns de refuxiadas e refuxiados que está a provocar este conflito.

Volta á diplomacia

Xunto a isto fixo un chamamento ao cesamento das accións de guerra e á volta á diplomacia como única vía para a resolución deste conflito. Nese sentido subliñou que cómpre atopar o camiño “para unha desescalada militar e unha política de paz”, o que require apostar no diálogo, nos esforzos diplomáticos e no marco de organizacións como a ONU ou a OSCE, para lograr unha solución estábel sobre a base do respecto á soberanía dos pobos e a paz.

Reclamou, en nome da plataforma, o compromiso da non incorporación de Ucraína á OTAN, en consonancia cos acordos de Minsk, así como o recoñecemento das repúblicas populares de Donestk e Lugansk, respectando a súa vontade democrática.

Lembrou, en todo caso, as accións previas de hostigamento por parte do exército da Ucraína contra as repúblicas de Donestk e Lugansk e o silenciamento destes ataques por parte da comunidade internacional, malia as advertencias reiteradas da Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE). Unha situación que, apuntou, vén desde 2014 e que ten deixado millares de vítimas con bombardeos permanentes sobre a liña de alto o fogo que se establecera nos acordos de Minsk.

Papel seguidista da UE

De Toro lamentou o papel que está a xogar a Unión Europea neste conflito, como monicreque dos intereses da OTAN e os EUA, e as declaracións ameazantes do portavoz da UE para Asuntos Exteriores, Josep Borrell, que crean aínda máis tensión.

Nese sentido, e en representación da plataforma, reclamou que a Unión Europea deixe de enviar armas, de censurar medios de comunicación e de alimentar o conflito, e pase a ter un papel mediador e favorecedor dunha solución negociada.

Xunto a isto reclamou a neutralidade activa do Estado español, a retirada inmediata das tropas españolas enviadas ao Mar Negro, Bulgaria, Letonia e Lituania seguindo directrices da OTAN e dos Estados Unidos, e o cese no envío de armamento á Ucraína porque, para contribuír á resolución deste conflito, ten que se reforzar a vía diplomática, non enviar ametralladoras.

Impacto económico na Galiza

O portavoz da plataforma sinalou ademais o impacto económico e social deste conflito tamén na Galiza, e moi especialmente sobre as clases populares. Un impacto derivado dunha crise que lembrou que xa existía antes do inicio dos ataques militares, que agravou a guerra e que se plasma na carestía da vida, cunha suba brutal de prezos en produtos básicos de alimentación, nos combustíbeis, na electricidade, ou no gas, provocando o sufrimento e a desesperación na maioría do pobo galego, que mantén salarios e pensións moi por baixo da media estatal.

Por iso, denunciou que resulta indecente que neste contexto haxa quen obtén inxentes beneficios económicos, nomeadamente os propios Estados Unidos ou as grandes empresas eléctricas, a costa do empobrecemento das maiorías sociais.

Suso de Toro manifestou ademais a solidariedade da plataforma coas vítimas e cos millóns de refuxiadas e refuxiados que está a provocar o conflito da Ucraína, mais tamén coas de outras guerras e outros dramas na humanidade, todas elas merecentes de solidariedade, recoñecemento e apoio.

Por todo isto concluíu facendo un chamado á solidariedade e á mobilización social participando nos actos convocados para o domingo día 20 ás doce da mañá, nas sete cidades galegas.