O comité de empresa de Tralusa e as persoas delegadas de Aulusa Santiago e Aulusa Teo denuncian o escurantismo absoluto sobre o novo contrato do transporte urbano de Santiago e consideran que, con esta actitude, Monbus conculca o dereito de información, consulta e participación que recolle o ET, diante dunha mudanza deste calado. Así mesmo, avanzan a presentación dunha denuncia na Inspección de Traballo ante a gravidade dos feitos.
Desde que se anunciou que unha UTE do Grupo Monbus se faría cargo do novo contrato do transporte urbano de Santiago de Compostela, a representación legal das persoas traballadoras solicitou diversas reunións á empresa para que se trasladara información relativa á prestación do servizo e á subrogación do persoal e se mantivese aberta unha canle de participación nun proceso tan importante e que xera tanta incerteza no cadro de persoal.
Cambios importantes no contrato
A representación manifesta a súa preocupación sobre os cambios organizativos e aqueles que podan afectar ás condicións de traballo "despois de anos co contrato en precario e anunciarse importantes modificacións nos pregos públicos". Así, o novo contrato de servizos obriga -entre outras moitas cuestións- a realizar modificacións de rutas, servizos nocturnos, ao cambio de flota, á realización de obras no centro de traballo, así como unificar condicións de traballo entre o persoal subrogado das sete empresas que até o de agora prestaban o servizo.
Tras insistencia da parte social, o día 30 de xullo celebrouse unha reunión na que a única resposta da empresa, representada principalmente nesa ocasión por un avogado que descoñecía a realidade concreta, foi que aínda non asinaran o contrato e que descoñecían como se ía prestar o servizo, negándose a tratar calquera asunto ou a responder as preguntas da parte social. "Iso si, apuntan a representación social, comprometéronse a que unha vez se asinara o contrato se faría unha nova reunión".
O contrato asinouse o día 16 de setembro e a representación sindical volveu comunicarse coa empresa lembrándolle este compromiso, mais sen obter resposta. "Novamente, o día 24 de setembro, unha vez se coñeceu a resolución do TACGALl, convocouse unha reunión sen que a compañía se tivese presentado ou xustificado a ausencia. E todo isto mentres aplicaba cambios nos cadros de servizo sen consulta previa ao comité de empresa e ás persoas delegadas de persoal, tal e como estabelecen os diferentes acordos aínda en vigor", critican.
Falta absoluta de información
Tras esta situación a representación sindical realizou unha nova convocatoria mais informando de que, no caso de non celebrarse a reunión, sería comunicado á Inspección de Traballo. Ese mesmo día a empresa convocou unha reunión para o día 29 de outubro.
Non obstante, o día da reunión a empresa tampouco ofreceu información nin respondeu ás cuestións que se lle formularon como a data de inicio, a razón social pola que serían contratadas as persoas traballadoras, a adecuación dos acordos previos en cada unha das empresas á nova realidade, frecuencias, obras no centro de traballo, rexistro de xornada, tempos de relevo e descanso, condición da nova flota, etc.
"Polo tanto, a día de hoxe non se facilitou ningún tipo de información e cando non teñen máis remedio que estar nunha reunión, estas carecen completamente de contidos reais pretendendo abocar o persoal traballador a unha situación de feitos consumados", rexeita a representación do persoal.
Considera que toda esta actuación "unilateral e sen a mínima comunicación" é unha falta de respecto cara ao persoal que está a prestar o servizo "e que é quen leva anos soportando unhas condicións de presión laboral que non pode manterse no novo contrato, sendo inaceptable que a fonte de información principal sexa a publicada nos medios de comunicación".
Entenden que isto representa ademais unha nova vulneración do dereito á información, consulta e participación, así como unha clara obstrución á labor de control sindical.
Ante esta situación o pasado luns celebrouse unha reunión extraordinaria entre todas as representacións sindicais, comité de empresa de Tralusa e persoas delegadas de Aulusa Santiago e Aulusa Teo, na que se acordou presentar de inmediato unha denuncia diante da autoridade laboral.