A saturación das Urxencias no Hospital de Lugo cronifícase

CIG-Saúde reclama a apertura das plantas de hospitalización pechadas e recursos suficientes

Lugo -

A CIG-Saúde de Lugo advirte da cronificación no Hospital Lucus Augusti (HULA) da saturación continuada no servizo de Urxencias. Denuncian que o uso de Observación como unidade de Hospitalización xa é algo habitual e que os box de urxencias se utilizan para observación, "de modo que hai doentes que poden pasar máis de tres días 'ingresados/as' no servizo de Urxencias".

Esta saturación tamén leva que a diario haxa que reforzar cunha persoa todas as categorías, xa que doutro xeito a asistencia normal sería imposíbel. Pero hai esta necesidade, engade Mónica Roca, delegada da CIG-Saúde, "precisamente porque Urxencias non está concibida nin deseñada (tanto a nivel estrutural como na dotación de persoal) para hospitalizar doentes".

Sinala Roca que se as e os doentes permanecen no servizo "é porque o persoal facultativo considera que non poden irse de alta" e tamén resulta evidente "que o lugar físico non reúne as condicións necesarias para o uso que se lle está dando".

Tres plantas pechadas

Neste caos, é incríbel que non aumente a frecuentación pero que cada día "haxa máis doentes amoreados/as no servizo e parece que ninguén da dirección dá atopado a causa", ironiza, para de seguido lembrar que o HULA ten tres plantas de Hospitalización pechadas e que a Consellaría "prefire recortar gasto na sanidade pública e ter os/as doentes sufrindo hospitalizados/as en Urxencias -e ao persoal sobrepasado e traballando baixo presión- antes que abrir unha planta no HULA".

Diante disto, a CIG-Saúde reclama que se poñan a disposición da cidadanía todos os recursos existentes no hospital e que se dote á sanidade pública dos orzamentos necesarios para garantir unha atención áxil e de calidade e nunhas condicións dignas. 

Volver