• Nova

A sección sindical da CIG denuncia prácticas de cesión ilegal de persoal no Carrefour de Lugo

A compañía utiliza traballadores/as das marcas para facer as tarefas de reposición das mercadorías
Lugo - 08 Abr 2022

A sección sindical da CIG en Carrefour Lugo denuncia publicamente a cesión ilegal de traballadores e traballadoras que a multinacional está a facer, xa que está utilizando o persoal da empresa externa RPV como se fora persoal propio. Así, Carrefour ordénalles facer as tarefas de reposición de mercadorías que lle corresponden aos traballadores e traballadoras da compañía francesa ou ao persoal contratado para esta finalidade mediante a empresa CTC.

A representación da CIG advirte da conivencia que existe entre as direccións de Carrefour e RVP para este persoal preste servizos para Carrefour e non para as marcas que os contratan. Deste xeito, Carrefour aforra salarios e contratacións valéndose do persoal que contratan as marcas, que son as que tamén abonan as nóminas.

Unha práctica totalmente fraudulenta. A sección sindical da CIG sospeita que as marcas descoñecen que os seus traballadores e traballadoras son utilizadas para repoñer outras mercadorías, incluídas as marcas brancas do Carrefour.

Os delegados e delegadas da CIG porán estes feitos en coñecemento da autoridade laboral, xa que entende que estamos ante unha evidente cesión ilegal de traballadores/as.