A CIG mobilízase nun Zara de Santiago contra a represión sindical na empresa

A sección sindical denuncia as "prácticas intolerábeis que atentan contra a dignididade do persoal"
Compostela - 28 Mai 2020

A sección sindical da CIG en Zara na provincia da Coruña mobilizouse este xoves diante dunha tenda de Santiago para denunciar publicamente a represión sindical que está a exercer o grupo Inditex, nomeadamente contra da presidenta do comité provincial, Carmiña Naveiro. Unha persecución contra as traballadoras e as súas representantes iniciada tras manifestar a súa oposición á modificación unilateral das condicións laborais sen negociación previa e impedindo o dereito á conciliación.

Con esta mobilización, realizada diante do Zara da Praza de Galiza, quérense rexeitar as prácticas “intolerábeis que atentan contra a dignidade das persoas traballadoras" exercidas polo xigante téxtil. Hai que lembrar que o pasado 18 de maio, a empresa ordenou unha modificación dos horarios e das quendas, afectando incluso ás persoas con medidas de conciliación familiar, sen especificar canto tempo ía durar a medida nin deixando constancia por escrito destes cambios.

A consecuencia desta modificación, a empresa ordenoulle á presidenta do comité que abandonara o seu posto de traballo durante a súa quenda ordinaria, aducindo que agora o seu horario laboral remataba ás 20:15h e non ás 22:30h. Naveiro negouse a abandonar o seu posto se non lle comunicaban por escrito esta mudanza, ao que á empresa respondeu da maneira máis abusiva posíbel: chamou a Policía para que acudiran a expulsar do seu traballo a unha empregada.

"Así é como actúa a dirección desta empresa”, alerta, lembrando que "seis homes vestidos de uniforme -catro policías e dous gardas de seguridade- entraron non almacén onde estaba a traballar eu soa; sentinme totalmente coaccionada".

Naveiro sinala que o grupo Inditex aparece nos medios de comunicación coma “unha alma caritativa” que fai doazóns, non aplica ERTE, etc., pero logo resulta que "amparándose no estado de alarma modifica a xornada do seu persoal e chama a policía para obrigar as súas traballadoras a abandonar o seu posto, aplicando a represión contra elas e as súas representantes”. Por estes feitos, a central presentou denuncia no Xulgado, “porque non podemos deixar pasar este abuso e a vulneración dun dereito fundamental”.

Alén da concentración deste xoves, a CIG-Servizos vai realizar mobilizacións nas tendas das diferentes marcas de Inditex en rexeitamento á modificación de horarios e de quendas, que afectan incluso ás persoas con medidas de conciliación familiar.