A sección sindical da CIG-Saúde alerta da redución e da falta de especialistas no Hospital de Monforte

Monforte - 13 Xan 2023

A sección sindical de CIG-Saúde denuncia a redución e a falta de especialistas no Hospital de Monforte, que afecta a todas as unidades e que se tenta cubrir cos desprazamentos de profesionais doutros hospitais. Así mesmo, critican as deficiencias nos equipamentos médicos, como que non haxa aparato para electrocardiogramas en Medicina Interna dende hai un ano, cuestión que atribúen á supresión da área sanitaria e á centralización da xestión en Lugo.

Así, explican que en Pediatría as prazas baixan de catro a dúas e seguirán vindo profesionais doutros centros facer gardas. A CIG-Saúde, malia este recorte, por mor da sobrecarga que existe nos centros de saúde propón que se pase consulta no hospital.

Outra especialidade que preocupa á sección sindical é a de Rehabilitación, xa que non se incorporou ninguén polo que o Hospital pasa de ter dúas rehabilitadoras, a non ter ningunha. "Isto supón un serio problema xa que non hai actualmente ninguén que poida prescribir o tratamento para os e as pacientes", alertan.

No caso de Dixestivo, aínda que se incorporou a persoa  que colleu a praza na OPE, hai outra praza sen cubrir e a directora "deunos a entender que non hai intención de cambiar esta situación e que se cubrirá con Medicina Interna. En Neuroloxía "seguimos igual, vaise seguir cubrindo esta praza cos/as especialistas que veñen de Lugo en lugar de ter aquí persoal propio".

En Cardioloxía só hai un especialista xa que a persoa titular está de baixa e a súa ausencia no non se cubriu. Mentres Xinecoloxía quedará cun profesional menos. En Dermatoloxía descoñecese que acontecerá despois de maio cando remate contrato o actual especialista.

Problemas nos aparatos

Xunto a esta preocupante falta de especialistas, a sección sindical da CIG-Saúde critica as consecuencias de terse suprimido Monforte como área sanitaria e pasar a depender da área de Lugo. "Perdemos capacidade de decisión neste hospital e pasan cousas incríbeis como que a planta de Medicina Interna leva un ano sen aparato para facer electrocardiogramas".

A dirección sinala que está solicitado dende hai un ano e cos trámites realizados, pero que "non depende dela, senón que dende Lugo non dan solucionado o problema. Iso si, critican, para facer fotos e vir inaugurar o que xa funcionaba, andan rápidos".

 Nesa mesma planta tamén existen problemas cun desfibrilador antigo, que aínda ten palas en lugar de pegatinas, e que está "totalmente obsoleto".