A Secretaría das Mulleres solicita que se investiguen os feitos ocorridos no Hospital de Conxo

Reclama a posta en marcha de medidas específicas e que se depuren responsabilidades
Santiago - 13 Feb 2017

Tal e como denunciaba a pasada semana o Movemento Galego de Saúde Mental (do que a CIG forma parte), o deterioro progresivo na atención á saúde mental en Galiza vén de cobrarse dúas vítimas: unha morte por suicidio e unha agresión sexual que puideron evitarse e "que son froito e consecuencia de decisións erróneas", nas que se primaron aspectos económicos por riba de aspectos organizativos.

É preciso dispoñer de medidas preventivas, dirixidas a mellorar a finalidade terapéutica da hospitalización"

 Dende a Secretaría das Mulleres da CIG sublíñase que os centros hospitalarios deben ser lugares nos que se garanta a protección e coidado das persoas, "non o lugar onde se lles desprotexa ou mesmo ataque". E se iso sucede deben adoptarse medidas inmediatas para que os feitos non volvan repetirse, sendo preciso identificalas e depurar responsabilidades.

"Consideramos que é erróneo incrementar a posta en marcha de medidas coercitivas ou de incremento do control hospitalario, senón que é preciso dispoñer de medidas preventivas, dirixidas a mellorar a finalidade terapéutica da hospitalización", engade a Secretaria das Mulleres.

Para isto deberíase aumentar e non recortar a dotación do persoal de Enfermería e Terapia Ocupacional, mellorar a participación e a coordinación da equipa e que se preveñan e identifiquen os riscos, no canto de reducir persoal e de incrementar a carga de traballo, comprometendo así a calidade asistencial e a seguridade das e dos doentes.

Deterioro xeral do sistema sanitario

A central denuncia que as e os responsábeis da dirección do SERGAS non están a desenvolver os medios de planificación, avaliación, desenvolvemento de recursos, coordinación e información necesarios para mellorar a atención ás persoas usuarias de Saúde Mental. O deterioro na atención á saúde mental forma parte do deterioro sanitario xeral, como consecuencia do tipo de xestión que se está a facer desta crise económica, e do recorte de dereitos que estamos a sufrir por parte do goberno do Partido Popular.

En tempos de crise, hai que incrementar os orzamentos destinados á atención da saúde mental,  porque está comprobado que os riscos e danos da poboación aumentan"

 Está a obviarse unha vez máis o impacto de xénero que teñen as políticas de recorte nos servizos públicos, tanto no que respecta á calidade de vida das traballadoras (menos persoal, contratos máis precarios, máis doentes que atender con menos medios) que atenden ás e aos doentes como na calidade da atención destas.

En tempos de crise, débense incrementar os orzamentos destinados á atención da saúde mental, porque está comprobado que os riscos e danos na saúde mental da poboación aumentan.

Mais o certo é que as mulleres reciben unha peor atención médica en xeral, xa non só no que se refire á saúde mental, dado que as políticas postas en marcha coa crise prexudicaron moito máis ás mulleres, sendo moitas as que nunca cotizaron. O copago farmacéutico das pensionistas aféctalles de xeito moi singular, porque viven máis anos en comparación aos homes e padecen máis patoloxías crónicas.

E non podemos obviar que como consecuencia dos recortes, incrementouse a medicalización do malestar psíquico das mulleres, en moitos casos, cun custe que non poden afrontar.

Pérdese prevención, rehabilitación e reinserción

Cos recortes pérdese prevención, rehabilitación e reinserción e as persoas doentes con trastornos graves son as que se ven máis afectadas por esta situación ao ser as que necesitan unha atención máis longa no tempo.

Tal e como o Movemento Galego da Sáude Mental leva esixindo, é preciso que dunha vez por todas se recupere e se dote de orzamentos suficientes ao Plan Estratéxico de Saúde Mental interrompido polo executivo actual. Que dunha vez por todas se implementen medidas para reducir as altas taxas de suicidio rexistradas nos últimos anos, para o cal é preciso a posta inmediata dun plan de prevención.

Por iso esiximos a apertura inmediata dunha investigación interna por parte da Consellaría de Sanidade e da Xerencia do SERGAS que depure responsabilidades, así como a posta en marcha de medidas específicas que eviten que este tipo de feitos volvan a ocorrer.