A sentenza do TXUE sobre o abuso da temporalidade na administración reafirma o posicionamento da CIG
A recente sentenza do TJUE sobre o abuso da temporalidade nas administracións públicas afonda na necesidade de establecer novos mecanismos legais que poñan fin a unha forma de contratación nas Administracións Públicas que se está cronificando e que non se resolve polos sucesivos procesos de estabilización abertos.
A CIG-Administración opúxose aos acordos estatais que se converteron en Real Decreto Lei porque non eliminaban as taxas de reposición e con iso mantiñan as limitacións para crear as prazas necesarias nas diferentes administracións que evitarían a contratación de carácter temporal. No mesmo texto exixiu establecer mecanismos de sancións para o persoal que permitise a fraude na contratación permitindo ocupar prazas vacantes con carácter temporal de xeito permanente.
Á situación actual da inxente cantidade de persoas afectadas polo abuso da temporalidade nas administracións levou anos de decisións políticas dirixidas a desprestixiar os servizos públicos e ás persoas empregadas públicas, de limitacións orzamentarias e de taxas de reposición. “De falsidades amparadas nunha propaganda neoliberal que pretende resolver as propias contradicións do sistema capitalista eliminando os servizos públicos, entregándollos á voracidade do mercado e mesmo, nas súas versións máis radicais, eliminando a propia administración”.
Eliminar a taxa de reposición
A CIG-Administración leva, desde sempre, enfrontando esta propaganda neoliberal e a xestión que fixeron os distintos gobernos do estado do abuso da temporalidade. As demandas da central sindical foron e son claras:
- Os servizos públicos teñen que ser universais, de calidade e xestionados polas propias administracións con persoal propio.
- Hai que eliminar para sempre a taxa de reposición de efectivos. As ofertas públicas de emprego teñen que ser anuais e recoller todas as prazas existentes.
- Isto ten que ir acompañado de concursos de traslados anuais ou permanentes.
- E ten que haber sancións para os responsables de que se produzan abusos de temporalidade nas administracións.
A CIG-Administración considera que se estas demandas non son asumidas polos distintos gobernos e polos responsables políticos das administracións o abuso da temporalidade vai seguir producíndose e “imos atoparnos novamente cunha bolsa de persoal precario que contribúe ao mantemento dos servizos públicos e da propia administración, pero que non ten dereito á estabilidade”.
A mellor garantía da eficiencia e a calidade dos servizos públicos e da imparcialidade da administración é, para a central sindical, que a xestión dos servizos públicos e o funcionamento da administración a realicen persoas empregadas públicas con todos os dereitos, incluída a estabilidade no posto de traballo.