A Xerencia da área sanitaria da Coruña deixa descuberta a praza de Dermatoloxía do Hospital de Cee

Cee - 17 Feb 2023

A CIG-Saúde vén de remitirlle á Xerencia da Coruña un escrito manifestando o seu malestar e desconformidade co que está a acontecer coa praza de Dermatoloxía no Hospital de Cee. Na última OPE, convocada en 2019 e resolta en decembro de 2022, na categoría de  Dermatoloxía ofertouse unha praza fixa desta especialidade no Hospital de Cee.

Esta praza, explica a delegada da CIG, Heny Prieto, estaba desde o mes de setembro de 2022 sen persoal asignado e sen cubrir por renuncia da persoa que a ocupaba a través dun contrato de interinidade até ese momento. A praza foi adxudicada a unha Dermatóloga como persoal fixo a través da OPE no mes de decembro de 2022.

Dita profesional tomou posesión da praza pero nunca se incorporou a traballar no centro hospitalario de Cee, concedéndoselle automaticamente por parte da Xerencia da Coruña unha comisión de servizos no CHUAC, "aínda sabendo que deixaba o hospital comarcal sen servizo".

A CIG-Saúde considera inaceptábel que a Xerencia autorizara unha comisión de servizos sabendo que non tiña garantida a cobertura do servizo no hospital comarcal.

Desprazamento a 100km para recibir atención

O servizo de Dermatoloxía en Cee é un servizo unipersoal e a falta de cobertura deste supón para a poboación do distrito de Cee ter que desprazarse ao CHUAC na Coruña, que se atopa a 100km, coas dificultades que isto conleva para unha poboación envellecida, cun transporte público deficitario, e tendo que soportar o custe económico dos desprazamentos, tanto por parte dos/as pacientes coma dos/as familiares.

Agora, engade a CIG-Saúde, "atopámonos cunha praza reservada pero “desocupada” que non pode ofertarse con carácter fixo, até que esa persoa efectivice un posíbel cambio de destino dentro de dous anos. E por se isto non fora suficiente, podemos observar que nas ofertas de contratación de Dermatoloxía do mes de febreiro, a Xerencia da Coruña non oferta á lista de selección temporal a cobertura desta substitución nominal".

A CIG-Saúde esixe que se oferten con carácter inmediato todas as prazas vacantes e contratos de longa duración para a súa cobertura con persoal temporal en tanto non se cubran con carácter definitivo a través da OPE, tanto na especialidade de Dermatoloxía coma no resto de especialidades médicas que en maior ou menor medida están a padecer mermas no seus cadros de persoal por falta de profesionais.

De igual xeito, reclaman que se tomen as medidas necesarias para restituír xa con carácter estábel o servizo de Dermatoloxía, pois "non imos tolerar a cobertura do servizo enviando profesionais distintos/as de Coruña de cada vez".