O Sergas contratou ambulancias e persoal externos en Pontevedra-O Salnés en Fin de Ano e deixou PAC sen médico

A CIG-Saúde denuncia que os profesionais non podían acceder á historia clínica dos pacientes para facer diagnóstico e tratamento con máis información
Pontevedra/Salnés - 03 Xan 2023

A federación de Saúde da CIG denuncia que a Xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés contratou o pasado Fin de Ano tanto ambulancias como persoal externos ao sistema público, sen información nin garantías, mentres deixou catro PAC sen médico/a.

A CIG-Saúde critica a contratación de dúas ambulancias medicalizadas cun contrato externo sen que os e as profesionais que traballaban nesa data tiveran información da súa existencia, nin nos PAC nin no 061. As ambulancias cubriron a quenda dende as 15:00 horas do día 31-12-2022 até as 08:00 do 01-01-2023 nos PAC da Parda e de Baltar [na imaxe], que estaban sen médico/a. 

Os e as profesionais que traballaban nesa data descoñecían a existencia das ambulancias

Estas dúas ambulancias de clase C, destinadas a proporcionar soporte vital avanzado, estaban dotadas de persoal técnico de emerxencias sanitarias e de persoal médico externos ao Sergas e sen autorización para acceder á historia clínica electrónica dos pacientes.

O persoal médico, ao non ser contratado polas canles establecidas na contratación temporal de persoal estatutario do Sergas, non tiña capacidade para acceder ao historial clínico das persoas que demandaban asistencia sanitaria nin podían prescribirlles medicación, e tampouco potestade para traballar dentro dos centros sanitarios.

A información que trasladou a Xerencia de Pontevedra sobre centros sanitarios afectados polas faltas de cobertura non recollía a contratación destes “servizos externos” nin as competencias a desenvolver por estes/as profesionais, “tal e como se pode comprobar na propia información facilitada pola Xerencia aos PAC e ao 061”.

Falta de transparencia e información

Diante disto, dende a CIG-Saúde denuncian a falta de transparencia e información neste tipo de contratacións, “modo de proceder que dificulta a necesaria coordinación dos recursos sanitarios para atender urxencias e emerxencias”. Rexeitan ademais que o xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés -ex xerente do 061 e do Sergas- realice este tipo de contratacións, nestas condicións, “que xeran inseguridade para o persoal da Atención Primaria e do 061”.

E lamentan que isto se traducise nun aumento da inseguridade que padecen as persoas atendidas, “xa que os e as profesionais non podían acceder á historia clínica para a valoración máis axeitada dos antecedentes e poder facer diagnóstico e tratamento con máis información”.