A Xunta de Galiza suspende: 14 anos sen Plan de Igualdade

A CIG-Administración Autonómica denuncia a “hipocrisía” dos “propagandísticos” actos institucionais do 8M

Nacional -

Nun novo intento para elaborar un plan de igualdade na administración autonómica, logo de que a CIG volvera a exixilo, o pasado 23 de decembro constituíuse a comisión negociadora para a elaboración do I Plan de Igualdade da Xunta de Galiza, que atinxe a arredor de 15.000 empregadas públicas. Na mesma sesión presentouse unha proposta de regulamento de funcionamento da Comisión e un documento referente aos datos necesarios para a elaboración da Diagnose do Plan. A CIG-Administración Autonómica fixo alegacións tanto á diagnose como ao regulamento e a Xunta de Galiza quedou de remitir na primeira semana de xaneiro unha nova proposta pola que, a día de hoxe, seguen agardando.

 

Os plans de igualdade serán obrigatorios para a Administración autonómica, os seus organismos autónomos, as sociedades públicas, as fundacións do sector público autonómico, as entidades de dereito público vinculadas ou dependentes da Comunidade Autónoma...”

 Así di o artigo 11.1 da Lei 2/2007 do traballo en Igualdade das mulleres na Galiza. A posterior lexislación en materia de Igualdade reitera esta obrigatoriedade de contar cun instrumento que permita integrar a igualdade nas relacións laborais e avanzar cara á igualdade efectiva de mulleres e homes.

Porén a Xunta de Galiza incumpre tanto a norma como os principios básicos en materia de igualdade. Para a CIG-Administración Autonómica a cuestión é que o goberno do PP se limita a facer “declaracións de intencións” e a promover normas que atinxen ao resto de empresas pero que logo non aplica na súa propia administración. Denuncia que “a administración que ten que facer cumprir a lei de igualdade é a primeira en incumprila” e advirte a “indefensión” que isto xera, máxime cando a administración non se vai sancionar a si mesma polo incumprimento.

Razóns ideolóxicas

A responsable do sector da Autonómica da CIG-Administración, Zeltia Burgos, lembra que o plan de igualdade busca erradicar calquera tipo de desigualdade ou discriminación que por razón de xénero poida existir, a través da definición dun conxunto de obxectivos, medidas e accións, planificadas para acadar a igualdade entre mulleres e homes.

Mediante un plan de igualdade faise un estudo diagnóstico dos salarios percibidos por mulleres e homes, as categorías profesionais que homes e mulleres teñen, a conciliación existente e a que é necesaria, a flexibilidade horaria, o acoso laboral denunciado, a formación que reciben mulleres e homes, a promoción profesional e o acceso ao emprego, entre outros, para coñecer de xeito rigoroso as deficiencias e iniciar un proceso de cun firme compromiso na corrección e mellora das condicións laborais, cun investimento orzamentario acorde coa situación.

Burgos entende que é precisamente porque “este diagnóstico podería sacar á luz moitos máis incumprimentos”, polo que prefire adiar a elaboración do plan de igualdade. Unha decisión que considera “ideolóxica” porque “non cren nin no espírito da Lei, nin na necesidade dun plan de igualdade”.

Fronte a isto a responsable da CIG-Autonómica reclama unha aposta decidida pola igualdade de oportunidades na nosa Administración. “Precisamos erradicar as discriminacións evidentes e as ocultas, para que ningunha muller quede atrás e avancemos como unha sociedade máis xusta e equitativa”.

Volver