A xunta de persoal da área sanitaria de Vigo convoca unha manifestación por unha atención primaria digna

A marcha terá lugar este xoves 30 dende o PAC da rúa Pizarro ás 20:00
Vigo - 24 Set 2021

A Xunta de Persoal da área sanitaria de Vigo convoca unha manifestación por unha atención primaria digna, para reclamar maior investimento e “profesionais suficientes para atender, con tempo, os pacientes”. A marcha arrincará este xoves 30 dende o PAC da rúa Pizarro ás 20:00 horas e rematará no farol de Urzaiz.

Dende e representación do persoal advirten que a atención primaria da área sanitaria viguesa está en “perigo extremo”, xa que o seu deterioro nos últimos meses pona “ao borde do colapso”, a pesar das continuas esixencias dos traballadores/as dos centros de saúde e dos PAC, que reclaman máis persoal de todas as categorías, maior investimento, estruturas de xestión de recursos humanos e orzamento propio, que se remate coas trabas de acceso ás probas diagnósticas e que se mellore a accesibilidade ás especialidades hospitalarias.

Neste senso, denuncian que as persoas usuarias dos centros de saúde e dos PAC son boas coñecedoras das consecuencias desta situación, “que non é nova xa que a veñen sufrindo desde antes da pandemia sanitaria, que precipitou o seu deterioro”. As plataformas locais en defensa da sanidade pública así o están a poñer de manifesto, ao igual que os distintos profesionais.

Critican tamén que os centros de saúde sigan sometidos a unha dirección centrada no hospital, que so foi modificada de xeito nominal, e que non permite que a atención primaria poida xestionar o seu orzamento e os seus recursos humanos.

Masificación de centros de saúde e PAC

“Mentres tanto as consultas dos centros de saúde seguen masificadas, superando con moito o límite dos 30 pacientes ao día e con listas de espera que demostran a falta do persoal necesario para atender con calidade as demandas da cidadanía”. Ao tempo que os PAC continúan recibindo unha presión asistencial tamén insoportábel. “Nestas condicións non teremos profesionais de medicina de familia, de pediatría nin de enfermería que queiran traballar na atención primaria da nosa área sanitaria.

Por todo isto, desde a xunta de persoal, que representa á totalidade das persoas traballadoras da área sanitaria, fan un chamamento ao conxunto da veciñanza para que participe na mobilización en defensa da atención primaria, “como peza fundamental da nosa sanidade pública”.

Apoio de plataformas, colectivos e asociacións

A manifestación do vindeiro xoves 30 conta coa apoio das distintas plataformas locais en defensa da sanidade, así como da propia plataforma nacional SOS Sanidade Pública. Tamén de numerosas asociacións e colectivos, tanto sociais como veciñais, tal e como os seus responsábeis anunciaron hoxe en rolda de prensa. Entre eles, o Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG.

Na comparecencia participaron representantes das plataformas que nos últimos meses se foron constituíndo nas comarcas do Baixo Miño, do Condado e no Val Miñor, mais tamén o voceiro de SOS Sanidade, que amosou a súa satisfacción polo feito de que se tivesen creado arredor de 10 novas plataformas na zona sur do país.

A portavoz dunha delas explicou que mantiveron unha xuntanza para coordinar accións e convocar protestas conxuntas na que adoptaron a decisión de apoiar a mobilización convocada pola xunta de persoal da área sanitaria viguesa, que expresan de xeito mediante un comunicado conxunto asinado polas plataformas da Guarda, Gondomar, O Condado, Oia, O Porriño, O Rosal, Tomiño, Val Miñor e Vigo.

Dende as plataformas entenden que a veciñanza e os profesionais da sanidade deben de ir da man en defensa do sistema público de saúde, xa que nos últimos anos, "froito dos continuos recortes" dos sucesivos Gobernos do PP na Xunta, "vimos padecendo o paulatino deterioro da atención sanitaria máis próxima a nós e que debera ser tamén a máis accesible".

E censuran que os continuos recortes orzamentarios supuxeron redución de persoal e de medios, saturación dos centros de saúde, presión asistencial, non substitución de profesionais por baixas ou xubilacións, etc. "Como unha folla de ruta que nos quixera abocar á sanidade privada, que sempre deixará fóra a que ten menos recursos, afondando máis no deterioro da sanidade pública".