A Xunta de Persoal da área sanitaria de Vigo convoca unha nova manifestación “pola dignidade” do sistema público

Este xoves 24 dende o hospital Xeral ás 20:00 horas e até a Porta do Sol
Vigo - 22 Xan 2019

Os profesionais sanitarios/as de Vigo volverán saír ás rúas da cidade este xoves día 24 baixo o lema “Pola dignidade da sanidade pública”, nunha manifestación convocada pola Xunta de Persoal coa que se queren rexeitar os recortes que deterioran o sistema público e reclamar a dotación de máis persoal para poder prestar unha atención digna.

A marcha partirá dende o Punto de Atención Continuada (PAC) de Vigo (antigo hospital Xeral, na rúa Pizarro) ás 20:00 horas e rematará na Porta do Sol tras percorrer a Praza dos Cabalos e as rúas Gran Vía, Urzaiz, Colón e Policarpo Sanz. 

Esta mobilización aglutinará as reivindicacións de distintos colectivos que se atopan en pé de guerra na defensa dos seus dereitos laborais e dunha atención sanitaria digna e de calidade, como son o persoal dos PAC ou de Atención Primaria (centros de saúde), cuxos/as xefes/as de servizo dimitiron en bloque recentemente en protesta polas condicións nas que teñen que desenvolver o seu traballo.